Gráficos

A natalidade descende a un mínimo histórico e acrecenta a crise demográfica galega

Evolución do saldo vexetativo (diferenza entre nacementos e defuncións) desde 1975 até a actualidade.
2023 deixou unha marca histórica na Galiza en canto a número de nacementos: 14.103. Nunca, desde que hai rexistros, houbo tan poucos. Hai unha década, 2013, naceran 19.727 crianzas, 30% máis que agora. Ao tempo que os nacementos van a menos as defuncións van a máis nesta década: 32.804 en 2023. Se ben son menos que en 2022 e 2021, son 3.000 máis que en 2013, unha alza de 7,7%.

O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou esta cuarta feira os datos provisorios de nacementos e defuncións no Estado en 2023. As cifras veñen confirmar no que respecta á Galiza que o país continúa a transitar polo camiño que percorre desde 1988: a mingua natural de poboación (máis mortes que nacementos). Desde aquel ano até hoxe, 359.282 mortos máis que nacementos, o equivalente á suma de todos os habitantes de Vigo e Ferrol.

En 2023 naceron na Galiza 14.103 persoas —só presentan peor taxa Asturies e Canarias— e faleceron 32.804. Isto deixa un saldo vexetativo negativo de 18.701 mortes máis que nacementos. No conxunto do Estado ese saldo negativo foi de 113.256, polo que o país achega 16% desa cantidade, moi por riba do seu peso poboacional no conxunto do Estado, que non chega a 6%. Só en 2022 presenta a Galiza peores datos en crecemento vexetativo (-20.389).

De comparamos con hai unha década, 2013, vemos que daquela o saldo negativo era de 10.706 falecidos máis que nados. En 10 anos, ese crecemento negativo galego aumentou en 74%. En números absolutos, a Galiza liderou en 2023 a lista de territorios cos saldos vexetativos máis negativos, seguida por Castela e León (-16.270) e Andalucía (-13.544).

A taxa de natalidade galega (5,49) está por baixo da media da Unión Europea (9,3) e por baixo incluso da do Estado español (7,6), o cal se atopa no penúltimo posto da UE, só por diante de Italia (7,1). A Galiza sitúase moi lonxe de Irlanda, que lidera a natalidade europea cunha taxa de 12 nacementos por cada mil habitantes. A idade media das mulleres no momento do primeiro parto en toda a Unión Europea é de 31,5 anos,  segundo os datos do Anuario 2022 de Eurostat, a oficina de estatística da UE.

Eses 31,5 anos son unha idade media que supera Galiza, o territorio da UE onde as mulleres dan a luz a primeira crianza coa idade máis alta: 34,5 anos, tres anos por riba da media europea. No outro extremo figura a rexión de Severozapaden, no noroeste de Bulgaria, onde as mulleres que dan a luz por vez primeira son as máis novas, cunha media de 27,2 anos.

O profesor da USC Valerià Paül, doutor en Xeografía, apuntou en Nós Diario, a respecto da taxa de fecundidade galega, que "os datos que temos din que non é que as mulleres galegas non queiran ter fillos, senón que están sometidas a un proceso brutal de precariedade laboral estrutural". Por outra parte,"as carreiras profesionais das mulleres, tal e como están estruturadas, fican estancadas cando son nais".

Na mesma liña de reflexión, o catedrático da USC Isidro Dubert sinalaba tamén neste medio a que cualifica como  "claro fracaso dun modelo de xestión económica e social que, hoxe coma onte, segue a condenar os nosos fillos e fillas á emigración" para situar "a orixe do problema demográfico" na Galiza.