Mobilidade

A caída dunha árbore sobre a vía provoca importantes atrasos no tráfico ferroviario

Tren de Media Distancia. (Foto: Joaquín Corbalán)
Malia que a incidencia xa se resolveu, algúns trens circulan aínda polo eixo atlántico con atrasos de até 50 minutos.

Novas incidencias no tráfico ferroviario da Galiza. A caída dunha árbore sobre a vía provocou importantes atrasos na mañá desta quinta feira na liña que une as cidades de Pontevedra e Santiago de Compostela.

En concreto, segundo a información facilitada por Adif, a caída dunha árbore provocou á primeira hora o corte da circulación ferroviaria entre as localidades de Catoira e Pontecesures. Os trens afectados circularon desviados entre a bifurcación de Angueira e Vilagarcía de Arousa.

Malia que a incidencia se resolveu, segundo Adif, en aproximadamente unha hora e logo puido reanudarse a circulación, este problema aínda está a xerar atrasos nos trens, nalgúns deles de até 40 e 50 minutos, segundo informaron varias persoas afectadas.