O caderno ‘Aprender’ reflexiona sobre coñecemento e produción científica a raíz das vacinas contra a Covid

Detalle da portada do caderno 'Aprender'. (Foto: Nós Diario)
O suplemento achéganos, ademais, ao ceo do mes de xuño, á linguaxe de signos e un completo catálogo de aves con motivo do Día Mundial da Biodiversidade.

Este sábado, 22 de maio, ademais do Nós Diario e do semanario Sermos Galiza, poderás gozar da lectura dunha nova entrega do caderno Aprender, que, coincidindo co Día Mundial da Biodiversidade, ofrece un percorrido pausado entre “chíos e aves” co fin de coñecer a súa contribución á diversidade biolóxica.

Ramsés Pérez, educador ambiental de Adega, asina un texto no que ademais de nomear algunhas das especies máis vulnerábeis ou en perigo de extinción tamén afonda na riqueza dalgúns dos espazos máis cobizados polas aves como os ecosistemas fluviais.

Lingua de signos

Doutra banda, as investigadoras da Universidade de Vigo Soledad Torres, José Luis Alba, Ania Pérez e Carmen Cabeza escriben sobre o "recoñecemento da lingua de signos", unha tecnoloxía para derrubar as barreiras de comunicación coas persoas xordas, afirman.

Inovación e coñecemento

André Vidal Capón reflexiona sobre o coñecemento científico a propósito da carreira pola creación de vacinas contra o coronavirus SARS-CoV-2 tras a súa aparición na China e a declaración da pandemia da Covid-19 en marzo de 2020.

Nun artigo titulado "A guerra das vacinas: patentes e barreiras á vida", o experto en Bioloxía revisa o estado dunha das chaves na loita contra a doenza: a vacinación, un proceso no que entran en xogo os intereses científicos, económicos e políticos; no ámbito da investigación, da capacidade para producir a vacina, para distribuíla, adquirila ou administrala.

Eclipse de sol

Ademais destas historias, o caderno Aprender desta semana achéganos o ceo do mes de xuño baixo o reclamo dun novo verso de Rosalía de Castro: ‘Perde o sol o seu brilo’, xa que o 10 do vindeiro mes viviremos a primeira eclipse de Sol dunha década marcada pola ocultación total de 2026.

Martin Pawley, asina este paseo visual máis aló das nubes. A canda el, o divulgador Diego Ferraz Castiñeiras repara na contaminación luminosa, "un problema de saúde pública que afecta a maioría das persoas", asegura e que convida a observar como "un desperdicio de luz" cun "potencial de aforro brutal".

Ecoloxía, cinema e enxeñaría espacial completan o catálogo deste mes entre outras propostas máis miúdas que poderás atopar nos quiosques, puntos de venda habituais ou na nosa loxa en liña. Se non queres quedar sen ningún suplemento vai solicitando a túa subscrición neste momento!