O caderno Aprender profundiza sobre a realidade da distribución e o consumo de alimentos

Extracto da reportaxe incluída no caderno. (Foto: Nós Diario)
O suplemento tamén fornece coñecementos das aves que hai máis preto da casa e mesmo analiza cuestións astronómicas. Poderás atopalo co teu 'Nós Diario' deste sábado nos quiosques ou na nosa tenda en liña.

Esta semana o caderno Aprender recolle diversos temas de interese para as lectoras e lectores como a reportaxe de apertura, titulada 'Cinema de montaña, non tan 'rara avis'. O texto conta, da man do xestor e programador do The Wild Fest, Juan de Castro, o éxito do que goza este tipo de filmes en todo o mundo.

A capa inclúe unha nova sobre o incremento da produción eólica ao longo do ano pasado. De feito, o tema destas instalacións está de especial actualidade na Galiza.

Neste número o educador ambiental Ramsés Pérez fala en 'As nosas veciñas' de animais como poden ser a gaivota e o pardal, que todas e todos estamos acostumados a ver.

Aliás, o texto central do suplemento analiza o ciclo da comida. É dicir, baixo o título 'Máis aló do prato', unha serie de expertas repasan as chaves da produción, distribución e consumo dos alimentos. Rubrican a peza Xavier Simón, David Pérez-Neira, María Montero, Damián Copena e a Cooperativa SomosTerra.

Por outra banda, o especialista Martin Pawley, membro da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, propón 'Luz e progreso en todas partes'.

No Quen fai Que desta semana diversos grupos de investigadores amosan as súas últimas iniciativas. Comparten espazo con Fento na sección Selfie. Trátase dun colectivo de moda sostíbel.

Nesta ocasión os artigos de opinión corren pola conta de Paula Cermeño -'Na procura da noite'- e o ambientólogo e divulgador científico Diego Ferraz Castiñeira -'O camiño por percorrer'-. Poderás atopar todos estes contidos polo miúdo no caderno que vai incluído no teu Nós Diario de mañá.

Procúrao nos quiosques, puntos de venda habituais ou na nosa loxa en liña. Se non queres quedar sen ningún suplemento vai solicitando a túa subscrición neste momento!