Sábado con 'Nós Diario'

O caderno ‘Aprender’ analiza o cambio das constelacións

Duas anduriñas comúns (Hirundo rustica) recén chegadas a Galiza

Ademais da astroloxía e da ciencia, o caderno ‘Aprender’ desta semana tamén inclúe un artigo sobre o “greenwashing”, así como información sobre as aves migratorias que retornan despois do inverno.

Ademais do Nós Diario e do semanario Sermos Galiza, este sábado tamén podes conseguir o caderno Aprender, que presenta un gran abano de temas interesantes como o “greenwashing”, as aves migratorias, o cambio na posición das constelacións nesta primavera ou a concepción que ten a sociedade da ciencia.

O tema de apertura é "O lavado verde do dicionario da transición ecolóxica", un artigo de Diego Ferranz que analiza a apropiación de termos relacionados coa ecoloxía por parte de grandes empresas, unha estratexia coñecida como “greenwashing”

Entre chirlos continuamos coa peza "Chegan as nosas aves máis viaxeiras", do educador ambiental Ramsés Pérez, na que fala das aves migratorias, como o cuco, a bubela, a papuxa ou o picafollas, que, despois de pasar o inverno en lugares cálidos, tornan á Galiza da man da primavera.

Nas páxinas centrais atoparemos a reportaxe "Seráns tranquilos do cariñoso abril", elaborada por de Martin Pawley, da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío. O texto pretende descubrir como vai variar a paisaxe celeste na noite de primavera do próximo nove de abril. Os cambios na posición das constelacións farán do ceo nocturno un espectáculo silencioso que rematará coa saída do sol ás oito da mañá.

O centro do caderno tamén estará ocupado polo artigo de André Vidal titulado "Arredor da ciencia como ferramenta de avance social", un texto que explica como a humanidade concibe a ciencia, explicando o seu sentido así como as súas formas de uso e os seus propósitos.

Por último, é tamén protagonista Diego Ferraz, divulgador científico nas redes e creador de Naturiza; así como A Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas na Galiza que reivindica as “Matildas” galegas.

Na parte de artigos de opinión poderás ler "Na procura da noite", de Paula Cermeño; tamén "Entre pastores e lobos, a historia do home e a terra", unha peza de Juan de Castro, xestor e programador do The Wild Fest; e "Nova orde no tratamento á diversidade" de Aurora Barba Gasamáns da Asociación Socio-Pedagóxica galega.

Para gozar de todos estes contidos non tes máis que ir ao quiosco, a libraría ou a nosa tenda online para mercar o Nós Diario deste sábado. Como poderás observar, comezamos a ofrecer algúns contidos baixo pagamento. Iso é porque temos a subscrición ao papel pero tamén unha versión web. Sexa como sexa, apóianos!