Unha cadea humana rodeará a muralla de Lugo con bandeiras da Patria baixo o lema: “Somos umha naçom”

Muralla.Lugo.Galicia

O vindeiro 21 de novembro, nunha iniciativa do Proxecto Estreleira que conta xa con múltiples adhesións.

O 17 e 18 de novembro de 1918 decorría en Lugo a I Asemblea Nacionalista. Neste encontro explicitaron os asistentes, e todas as agrupacións locais das Irmandades representadas, que o seu compromiso político facía que se denominaran “nacionalistas” galegos, apuntando: “Tendo a Galicia todal-as caracteristicas esenciaes de nazonalidade, nós, nomeámonos, d-oxe pra sempre, nazonalistas galegos, xa que a verba rexionalismo non recolle todal-as aspiraciós nin encerra toda a intensidade dos nosos problemas”.

Máis dun século despois, a reivindicación nacional da Galiza volve ter unha cita en Lugo. Esta vez será o 21 de novembro e da man do Proxecto Estreleira. A iniciativa quer sumar centos de persoas para rodear a muralla de Lugo con bandeiras da Patria. E, como leses propios explican,  "quando se cumprem 100 anos do primeiro içado oficial dumha bandeira galega, no Paço Municipal da Corunha em 1921"

“Adiante Galiza! Somos umha naçom” é o lema desta convocatoria aberta, que está previsto que se desenvolva ese día (domingo 21) a partir das 12:30 horas.

"Nom queremos comemorar os feitos desde a rotina, o aborrecimento e o ritual oco. Queremos fazê-lo com originalidade e orgulho. Por isso estamos a preparar umha muralha de estreleiras que se extenderá polo emblemático monumento romano da cidade no vindouro domingo 21 de novembro", indican nun comunicado.

"Um grupo de quase 250 voluntárias e voluntários do Projecto Estreleira estám já preinscritas para o evento; temos garantido o que se podem considerar os alicerces da muralha". Agora, sinalan, "queremos multiplicar o tamanho da iniciativa e organizar umha cadeia humana para cobrir a máxima extensom possível do perímetro de 2 km e fazer ondear a nossa ensenha, a nossa história, o nosso projecto de futuro. Abrimos por isso um prazo de inscriçom massiva na iniciativa, e animamos a todas as pessoas a contribuir com a sua presença, com trabalho voluntário, com apoio económico ou logístico, ou com aquelo que cada um melhor considerar".

Proxecto

O Proxecto Estreleira', unha iniciativa para a difusión dos símbolos do país, naceu este ano, dándose a coñecer este domingo, 27 de xuño, no cumio do Pico Sacro. O proxecto, informaban daquela, xorde de dúas evidencias: "O déficit na difusión dos símbolos que nos identifican como pobo, e mesmo, a inhibición da base social nacionalista á hora de exhibir esta simboloxía na sociedade galega. E a crecente ocupación do espazo público e naturalización da simboloxía española e de estrema dereita antigalega”. 

Así, buscan contrarrestrar o avance da simboloxía "españolista" ao tempo que normalizan os símbolos propios da Galiza no espazo público. E para iso reclaman "creatividade, imaxinación e audacia".