Unha cadea humana de 612 metros cruza a ría de Ribadeo por un aborto libre

[Imaxe cedida pol@s convocantes]

A Ponte dos Santos, que une Galiza e Asturies, ficou ocupada por máis de 500 persoas que se sumaron á acción reivindicativa para rexeitar o anteproxecto de Gallardón. 


612 metros, os que mide a Ponte dos Santos, a infraestrutura que une Galiza e Asturies e que toma o nome das dúas capelas contruídas a un e outro lado da ría de Ribadeo.

Foi a lonxitude que conseguiron completar esta fin de semana máis de 500 persoas que tomaron parte nunha acción reivindicativa que contou co apoio do Observatorio Mariña pola Igualdade e da concellaría de Igualdade ribadense (BNG) para rexeitar a contrarreforma da lei do aborto que prepara o ministerio español de Xustiza.

Un emprazamento moi acaído para unha mobilización en contra dunha norma baseada xustamente nunha motivación relixiosa que carrexará un retroceso de máis de 30 anos nos dereitos das mulleres. Relixiosa e capitalista, pois o Goberno español anunciou xa que os plans de Xustiza terán "un impacto neto positivo" na economía.

''Porque son libre e decido''

Nunha punta da ponte, mulleres de distintas idades deron leitura ao manifesto Porque eu decido, que lle foi entregado ao artífice da contrarreforma, Alberto Ruíz-Gallardón, no Congreso d@s deputad@s. Até alí chegou no 'tren da liberdade', a iniciativa cidadá que fixo posíbel unha multitudinaria manifestación en Madrid para reclamar un aborto libre e dentro da sanidade pública. 

"Porque eu decido non acepto imposición ou prohibición algunha a respeito dos meus dereitos sexuais e reprodutivos (...) porque son libre négome a aceptar unha maternidade forzada e un réxime de tutela que condena as mulleres á minoría de idade sexual e reprodutiva (...) porque vivo en democracia, nengunha maioría política, por moi absoluta que sexa, está lexitimada para nos obrigar a seguir principios relixiosos mediante sanción penal (...) porque decido, son libre e vivo en democracia esixo que se manteña a actual Lei de saúde sexual e reprodutiva e de interrupción voluntaria do embarazo", sinala o manifesto rexistrado para lle ser entregado a Gallardón.

Aliás, en repulsa por unha modificación que prevé limitar as interrupcións voluntarias do embarazo unicamente aos casos de violación e dano "grave" para a saúde da grávida que deberá vir avalado pola opinión de polo menos tres médic@s, o Concello de Ribadeo, gobernado polo nacionalista Fernando Suárez, uniuse ao ronsel encetado por outros consistorios coma o de San Sadurniño, Pontevedra ou Teo e colocou na súa fachada unha pancarta co lema Polo dereito das mulleres a decidir. Aborto libre e gratuíto