Unha de cada tres vítimas mortais en accidentes de tráfico na Galiza non levaban o cinto de seguridade

en 2021, 70% do total de accidentes mortais tivo como protagonistas vehículos de máis de dez anos (Foto: Nós Diario).
O ano pasado, producíronse 79 vítimas en accidentes de tráfico na Galiza, nove máis do que en 2020 e nove menos que o ano anterior (2019)

Unha de cada tres vítimas mortais en turismos e furgonetas nas estradas galegas non facían uso do cinto de seguridade, segundo informou o delegado do Goberno na Galiza, José Miñóns, tras presidir a comisión de tráfico e seguridade viaria, con presenza, entre outros representantes, da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez.

79 vítimas mortais na Galiza

O ano pasado, producíronse 79 vítimas en accidentes de tráfico na Galiza, nove máis do que en 2020 e nove menos que o ano anterior (2019), expuxo Miñóns que alertou do envellecemento do parque móbil e tamén do censo de condutores.

Así, en 2021, 70% do total de accidentes mortais tivo como protagonistas vehículos de máis de dez anos. A franxa de idade con maior aumento no número de vítimas mortais foi a de 75 anos e superior. "Triplicamos as vítimas de máis de 75 anos ao pasar de catro en 2020 ás 10 rexistradas en 2021".

Após expor estas cifras, Miñóns apuntou que desde o Executivo estatal, para reducir as cifras de sinistralidade, se traballa nos "investimentos en infraestruturas e seguridade viaria"; vixilancia nas estradas e "tolerancia cero" fronte a aquelas persoas que cometeren sancións.

Exceso de velocidade

En canto ás denuncias por infraccións na estrada, seis de cada dez foron por exceso de velocidade, apuntou tamén o delegado do Goberno español, quen avanzou que se "intensificarán as campañas nas estradas galegas".

Pola súa parte, a conselleira de Infraestruturas aludiu ao plan de seguridade viaria galego co obxectivo de reducir os puntos negros e as cifras de sinistralidade en estradas galegas, ademais de incidir nas campañas de concienciación e a continuación do plan de sendas.