Por cada ocupación ilegal na Galiza hai 13 desafiuzamentos
A Galiza rexistrou no primeiro trimestre de 2025 un total de 313 desafiuzamentos, segundo os datos dados a coñecer esta segunda feirapolo Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX). Deles, 268 foron despexos relacionados co impagamento do aluguer e 32 relacionados coa hipoteca. Os 13 restantes responden a outras causas diferentes. O Consello indica que na Galiza hai case 10 desafiuzamentos motivados por non poder facer fronte ao pagamento do aluguer por cada 100.000 habitantes e 1,2 casos de despexos por non poder cubrir a hipoteca por cada 100.000 galegos e galegas.
Son cifras que superan amplamente os casos rexistrados polo Poder Xudicial de ocupacións ilegais de vivendas na Galiza en casos nos que os propietarios son persoas físicas, entidades sen ánimo de lucro ou entidades públicas posuidoras de vivenda social. No primeiro trimestre houbo 22 destes casos, o que supón, recalca o propio CXPX, menos de 1 caso por cada 100.000 habitantes (0,8).
Así pois, por cada caso rexistrado na Galiza dunha ocupación ilegal hai 13 de desafiuzamentos de inquilinos da vivenda na que residenden, ben por non poder pagar o aluguer ou ben por non poder seguir a facer fronte á hipoteca.
Unha proporción, 13 a 1, que bate co discurso alentado desde diferentes ámbitos, entre eles desde a propia Xunta da Galiza, poñendo o foco en medidas dirixidas a contrarrestar o "perigo" das ocupacións de vivendas. Un exemplo disto foi a decisión do Goberno galego en 2021 de asinar un convenio co Consello da Avogacía para estabelecer durante un ano un consultorio de atención xurídica gratuíta para "afectados pola ocupación ilegal da súa vivenda".
O convenio foise renovando anualmente —e pasando de 27.000 a 50.000 euros anuais— malia a súa escasa demanda. En 2024, e segundo a Consellaría de Vivenda, esta liña apenas atendeu tres consultas que tiveron a ver con ocupacións ilegais.
Evolución
No que respecta aos desafiuzamentos por aluguer, no primeiro trimestre do ano houbo 24 casos máis que no último trimestre de 2024, que comprende os meses de outubro, novembro e decembro, cando se rexistraron 244 despexos.
Nos últimos dous anos completos —2024 e 2023— houbo na Galiza 1.922 ocasións nas que os xulgados activaron o mecanismo para desafiuzar persoas da vivenda na que vivían. Isto é unha media de 18 despexos cada semana.