"Cada neno conta": Alumnado do colexio do Páramo pide axuda para que a Xunta non lles "quite" dous docentes
"Se se deterioran os nosos centros, as familias marcharán, e ese será o final do rural que tanto din defender".
"Queremos contarvos algo que nos preocupa moito", explica un vídeo que circula polas redes sociais no que as alumnas e os alumnos do CEIP do Páramo (comarca de Sarria) piden axuda para frear a supresión de dúas prazas de docente no centro, unha decisión que Educación escuda na diminución do número de estudantes: tres menos. E é que o curso que vén, din, "a Xunta da Galiza quérenos quitar dous profes! E iso que só somos dous alumnos menos".
"Din que son as normas, que se aplican igual para todos", relata o vídeo, sobre as explicacións do Goberno galego ao respecto. "Pero o rural non é unha cidade. Aquí, cada neno conta, e cada profe, tamén". No rural, explica a comunidade educativa do centro, non hai "outras escolas á volta da esquina". "Se se deterioran os nosos centros, as familias marcharán, e ese será o final do rural que tanto din defender".
"Que vai ser do rural se nos quitan os colexios?", pregúntanse, afirmando que, o "máis importante" é que "son nenos, non números". "Só pedimos que alguén nos escoite, que nos explique e, se pode ser, que nos axude".
Urxen a aplicación das ratios reducidas
A comunidade educativa do CEIP do Páramo pide tamén axuda para recoller sinaturas na plataforma dixital Change.org en defensa da educación rural. "O que pedimos é moi claro: que nos colexios dos concellos de menos de 3.000 habitantes se apliquen xa este curso as ratios reducidas anunciadas —a bombo e prato— antes das eleccións".
A entrada en vigor destas ratios reducidas foi, con todo, atrasada ao curso 2027/28 a través dunha reforma "sen apenas publicidade" mediante a coñecida como lei de acompañamento dos rozamentos. Nese curso "xa será, casualmente, outro ano electoral".
Así, moitos colexios como CEIP do Páramo seguirán "sufrindo recortes e agrupamentos absurdos", como mínimo até dentro de tres cursos escolares. O vindeiro, por exemplo, a norma estabelece que nunha aula non poderá haber máis de 14 alumnos de 1º e 2º, pero si 18 se se engade tamén 3º de Primaria. "É unha contradición que evidencia a falta de compromiso real".
Docentes e familias insisten en que non están a pedir "nada extraordinario". Só queren que se cumpra "o que xa se aprobou, anunciou, e que máis tarde se decidiu adiar sen ningunha explicación".
