'Querémonos vivas', o berro contra a violencia machista

Imaxe da Coruña [bng]

Concentracións en vilas e cidades galegas clamaron contra o feminicidio após o asasinato de Tatiana Vázquez en Lugo. 

Esta quinta feira (14 de abril) centos de persoas saíron ás rúas na Coruña, Vigo, Pontevedra, Ourense, Compostela, Ferrol, Lugo, Val Miñor, Noia e outras localidades do país para amosar a súa repulsa á violencia machista. 

O movemento feminista convocounas após o asasinato de Tatiana Vázquez, aínda en investigación, mais que podería sumar máis un feminicidio na Galiza, o segundo de 2016. 

Nas mobilizacións deuse leitura a senllos manifestos nos que reivindicaron o dereito das mulleres a unha vida libre de violencias e exixiron "medidas" legais e políticas perante todas as formas de agresión contra as mulleres "polo simple feito de o seren". Mais tamén, unha resposta social que rache co "silencio cómplice" perante a violencia machista. "Querémonos vivas", proclamaron.