As cifras da fenda dixital: seis de cada dez maiores teñen "escasas habilidades dixitais"

As persoas maiores de 65 anos representan xa a quinta parte da poboación galega. (Foto: Nós Diario)
Só 26% das e dos maiores de 75 anos utilizaron internet nos últimos tres meses, segundo o último estudo de CCOO.

Máis de 60% das persoas de 65 a 74 anos de idade declaran que ten escasas habilidades dixitais, e 7,8% delas non conta con ningunha. Así se desprende do último estudo do Observatorio Social das persoas maiores da Federación de Pensionistas e Xubilados de CCOO, presentado esta segunda feira en rolda de prensa.

Esta situación provocou que na Galiza só 26% das e dos maiores de 75 anos utilizasen internet nos últimos tres meses e que, segundo o secretario xeral da Federación de pensionistas a nivel estatal, Juan Sepúlveda, evidencia a necesidade de impartir cursos gratuítos para que estas persoas poidan acceder á rede por si mesmas e de "humanizar os servizos cotiáns".

O estudo foi presentado pola secretaria xeral de Comisións Obreiras na Galiza, Amelia Pérez, que declarou que a vellez ten que ser "cantidade", co alongamento da esperanza de vida a unha media de 83,5 anos, e "calidade", a través de medidas políticas favorábeis para as persoas de avanzada idade.

As persoas maiores de 65 anos representan xa 20% da poboación total do país, unha cifra que aumenta en circunscricións como Ourense, onde supera 30%; seguida de Lugo, moi perto. Por outra parte, engade o estudo, a natalidade volveu caer en 2021, cunha redución de 1,3% dos nacementos.

No que atinxe ás pensións, o secretario xeral da Federación de pensionistas na Galiza, Carlos Mella, incidiu en que, cos datos do último mes, a Galiza é un dos territorios coas pensións máis baixas de todo o Estado, cunha contía media de 1.017,87 euros, coas circunscricións de Lugo e Ourense sen alcanzar os mil euros.

Atención á dependencia

Mella tamén trasladou os datos de persoas atendidas a través do Sistema de Dependencia, estabelecido hai 12 anos, grazas ao cal trataron 1.490.000 persoas. Nesta liña, reivindicou a mellora profesional das persoas, xeralmente mulleres, que traballan neste sector e recalcou que se necesitan máis días e máis horas destinadas á axuda a domicilio.

Da mesma forma, Sepúlveda engadiu que se precisa aínda máis formación e mellores soldos para que estas persoas poidan seguir na súa contorna familiar e recibir asistencia domiciliaria.

Consello Galego das Persoas Maiores

Na rolda de prensa, a responsábel de política social de CCOO, Maica Bouza, concluíu coa necesidade de que as persoas maiores participen activamente, tanto a nivel galego como local, no deseño e desenvolvemento das actuacións relacionadas coa vida cotiá.

Por iso, solicitou o restabelecemento do Consello Galego das Persoas Maiores, un órgano que foi creado no ano 2000 e desapareceu, apunta Bouzas, baixo o pretexto de aforro, en 2015. A portavoz lembrou que a Galiza unha das dúas únicas comunidades autónomas, canda Balears, que carecen deste espazo de actuación.