Os bancos estarán obrigados a ofrecer atención presencial en concellos pequenos

A Lei da autoridade do cliente financeiro incluirá unha emenda de PSOE e UP que busca paliar os efectos da chamada fenda dixital e a escaseza de servizos no rural.
As entidades bancarias derivaron aos caixeiros automáticos a maioría das xestións que antes resolvían de forma presencial na oficina. (Foto: Nós Diario)
photo_camera As entidades bancarias derivaron aos caixeiros automáticos a maioría das xestións que antes resolvían de forma presencial na oficina. (Foto: Nós Diario)

O PSOE e Unidas Podemos veñen de rexistrar unha emenda conxunta ao proxecto de Lei da autoridade do cliente financeiro para que, nos municipios de menos de 5.000 habitantes, os bancos garantan a atención presencial, cando menos dous días laborábeis por semana cun mínimo de seis horas de atención ao público cada un deles. A través da emenda, os socios de Goberno buscan aplicar medidas para reforzar a atención bancaria tanto en municipios pequenos como para persoas con discapacidade e clientes maiores de 65 anos, que viñan denunciando os estragos da chamada fenda dixital e a súa "exclusión" de determinados servizos, o mesmo que acontece en concellos que teñen núcleos enteiros carentes de oficinas bancarias.

Con este pretexto, PSOE e UP propoñen tamén prover sistemas de atención preferente ás persoas maiores nas oficinas bancarias durante un período mínimo de tres horas diarias. Para iso, en cada oficina presencial ao cliente haberá unha persoa que asuma o cargo de "xestor do maior", con funcións específicas de asistencia a este colectivo na súa interacción coa entidade.

Alén destas propostas, tamén busca o Executivo estatal estabelecer nos bancos un servizo de atención telefónica personalizada sen custo adicional e que estea operativo durante todo o horario comercial, enfocado nomeadamente no colectivo de persoas maiores.

Novas funcións de supervisión do Banco de España

No marco deste proxecto de lei, actualmente en trámite parlamentario no Congreso, desde Moncloa buscan dotar de novas funcións supervisoras o Banco de España (BdE). De feito, na mesma emenda que desprega medidas de reforzo de atención a colectivos de maiores e pequenos municipios, PSOE e Unidas Podemos tamén propoñen que o BdE poida solicitar das entidades e persoas suxeitas á súa función supervisora, así como a terceiros aos que ditas entidades subcontratasen actividades ou funcións operativas, a información necesaria para comprobar o cumprimento da normativa de ordenación e disciplina.

Co fin de que o Banco de España poida obter ditas informacións, ou confirmar a súa veracidade, as entidades e persoas mencionadas quedarían obrigadas a pór ao dispor do BdE "cantos libros, rexistros e documentos considere precisos", incluídos os programas informáticos, ficheiros e bases de datos, sexa cal for o seu soporte físico ou virtual.

Neste contexto, as entidades referidas terían obrigación de habilitar, no prazo que se fixe para iso, os medios técnicos requiridos polo organismo liderado por Pablo Hernández de Cos para a eficacia dos seus sistemas de comunicación electrónica, nos termos que este adopte para o efecto.

Sen notificación previa e de forma anónima

Todas estas actuacións, din os socios da coalición, poderán ser realizadas polo BdE sen previa notificación, e non se precisará a revelación por parte dos seus empregados da condición de persoal do Banco de España, de forma que poida coñecer, verificar e obter evidencia do cumprimento da normativa bancaria, así como das prácticas de mercado levadas a cabo polas entidades supervisadas na comercialización e contratación de produtos ou servizos bancarios.

A maiores, o Banco de España poderá solicitar a colaboración de expertos mediante a división de informes para a elaboración destes informes. Os expertos designados, así como os seus empregados, poderán actuar de forma anónima, sen revelar a súa actuación por conta do Banco de España.

Comentarios