Os casos activos entre o persoal e as persoas maiores en residencias baixan até os 40

Usuarias dunha residencia de maiores ollan a traves da fiestra (Imaxe: Arxina)
Nas últimas horas non se computaron novos casos de Covid-19 nas residencias de maiores, que suman unha nova alta, o que deixa o número de casos activos nos 40.

Os casos activos de covid-19 nas residencias de maiores da Galiza baixaron a 40. Deles, 37 corresponden a persoas usuarias, unha menos que na pasada xornada, após rexistrarse un alta no xeriátrico de Santa Mariña de Xinzo de Limia, e tres a traballadoras destes centros. Os casos están concentrados en catro centros.

Segundo os datos actualizados este sábado polas consellarías de Política Social e Sanidade, nas últimas horas non se computou ningún novo caso de covid-19.

Así, a Residencia Coviastec de Silleda mantense como o centro con máis casos activos entre persoas usuarias, cun gromo de 33 positivos; mentres que o da Residencia Santa Mariña de Xinzo de Limia baixa a 3 casos activos tras un alta; e só un usuario de  DomusVi Laraxe de Cabanas continúa como enfermo de Covid.

Pola súa banda, os traballadores e traballadoras contaxiados seguen sendo tres: un na residencia de maiores de Caranza, e dúas na residencia Coviastec de Silleda.

En canto aos centros de discapacidade seguen sen presentar ningún caso entre as súas usuarias nin entre os seu cadro de persoal.