Descenden os casos activos de Covid mais medra a presión asistencial

Hospital da Coruña (Foto: Europa Press).
Na última xornada rexistráronse 161 novos contaxios, 27 menos que o día anterior, pero aumentan a 258 (seis máis) as persoas ingresadas nos hospitais galegos pola Covid-19. 

A Galiza rexistrou nas últimas horas un incremento da presión hospitalaria, ao aumentar a 258 as persoas ingresadas con covid-19, o que implica seis máis que na xornada anterior. Con todo, os casos activos continúan coa súa tendencia descendente e sitúanse nos 2.563 ─seguen a niveis de finais de agosto─, mentres que os novos contaxios detectados a través de distintas probas baixaron a 161, case unha trintena menos.

Segundo os datos actualizados este sábado pola Consellaría de Sanidade, con rexistros até as 18 horas desta sexta feira, os pacientes de coronavirus que permanecen en unidades convencionais de hospitalización subiron até o 205 ─oito máis─, aínda que os que están en unidades de coidados intensivos (UCI) descenderon a 53 ─dúas menos─.

A área sanitaria que rexistrou o maior repunte é a de Vigo, onde os ingresados subiron até os 61 (+6), aínda que se manteñen en 12 os enfermos críticos. Tamén ascenderon as hospitalizacións na de Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras, até as 24 (+2), das que dous se atopan en coidados intensivos (sen cambios); e na de Santiago-Barbanza, con 25 ingresados (+1), seis deles (+1) na UCI.

Pola súa banda, a área sanitaria da Coruña-Cee mantense na mesma cifra total que nos datos de onte, con 95 hospitalizados, aínda que os pacientes críticos subiron en un, até os 21.

Mentres tanto, a presión hospitalaria descendeu nas áreas sanitarias de Ferrol, até os 19 atendidos (-1), dos que cinco (-1) están en coidados intensivos; en Lugo-A Mariña-Monforte, até os 18 (-1), tres deles na UCI (-1); e na de Pontevedra-O Salnés, onde baixaron a 16 (-1) os hospitalizados totais e a catro (-2) os de coidados intensivos.

Descenden os contaxios

Os casos activos de covid-19 volveron a descender na Galiza lixeiramente, até os 2.563, o que supón 12 menos que a xornada anterior. Esta tendencia continúa en catro das sete áreas sanitarias: na Coruña-Cee, baixan até os 1.007 (-10); en Santiago-Barbanza, a 271 (-4); en Pontevedra-O Salnés, a 210 (-2); e en Ourense-Verín-O Barco, a 159 (-3).

Na área de Vigo, os pacientes de covid-19 mantéñense  en 487 e soben de novo en Lugo-A Mariña-Monforte, até as 216 (+6), e na de Ferrol, até os 213 (+7).

En canto aos novos contaxios detectados con calquera tipo de proba que suma o Sergas aos seus datos actualizados, sitúanse en 161. Isto supón unha baixada con respecto aos 188 notificados onte, pero son máis que os 146 desta quinta feira.

Das novas infeccións dos datos deste sábado, 55 positivos correspóndense coa área da Coruña-Cee. Seguen a esta a de Pontevedra-O Salnés, con 27; Vigo, con 25; Lugo-A Mariña-Monforte, con 20; Ourense-Verín-O Barco, con 14; Santiago-Barbanza, con outros 14; e  Ferol, con seis.

En total, os contaxiados desde o inicio da pandemia na Galiza ascenden a 115.632, dos que 28.012 corresponden á área da Coruña e Cee; 21.771, á de Vigo; 18.321, á de Santiago; 14.767, á de Ourense; 12.627 á de Pontevedra; 11.950, á de Lugo; e 8.184, á de Ferrol.

O Sergas levou a cabo 1.795.741 PCR desde o inicio da pandemia, o que implica 6.901 nas últimas 24 horas, un incremento similar ao de xornadas anteriores. A taxa de positividade xeral sitúase este sábado no 2%, por baixo do 5% que marca a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia.

Persoas curadas e falecidas

Até a data curáronse da covid-19 na Galiza un total de 110.773 persoass, o que permite deducir que 172 persoas recibiron o alta entre as 18 horas desta quinta feira e as 18 horas de onte.

Ademais, desde o inicio da pandemia faleceron en Galicia 2.316 persoas diagnosticadas con este coronavirus, tras a última vítima notificada onte polas autoridades sanitarias.