Tres de cada catro vivendas certificadas teñen baixa eficiencia enerxética

Vivendas en Compostela (Foto: Nós Diario).
O acceso ás reformas necesarias que faciliten contar con vivendas eficientes a nivel enerxético podería ser máis doado coas axudas anunciadas dentro dos fondos Next Generation. Porén, o Colexio de Administradoras e Administradores de Fincas da Galiza (Coafga) alertan do colapso que se ocasionará polos trámites burocráticos e os atrasos nas comunidades como consecuencia das medidas covid. 

A mellora na eficiencia enerxética dunha vivenda implica un aforro para a persoa propietaria mais tamén unha necesidade se ten intención de vendela ou alugala. A obrigatoriedade de contar cun certificado enerxético desde o 2013, tamén para os inmóbeis de nova construción, fixo que se incrementara o interese en obter a etiqueta enerxética, feito que facilitou contar con máis datos da situación do parque inmobiliario galego.

Segundo datos facilitados a Nós Diario pola Consellaría de Economía, a Galiza conta, con data de decembro de 2021, con máis de 210.000 inmóbeis con certificación enerxética, o que supón 23.868 máis que ao feche de 2020 (en concreto, no ano 2021 rexistráronse 22.668 certificados de edificios existentes e 1.200 de nova construción). 

Dos 212.447 certificados emitidos até a data, só 36.247 obtiveron un aprobado, é dicir contan cunha etiqueta A, B, C ou D (este último certifica o consumo medio), un total de 48.790. Mais tres de cada catro vivendas están na parte baixa da escala: un total de 163.790 teñen niveis E, F ou G. 

Dificultade para acceder ás axudas europeas 

Varias son as circunstancias que animaron a unha boa parte de propietarias e propietarios a mellorar a súa vivenda con relación á súa eficiencia enerxética. Ademais do incremento dalgúns subministros como o gasoil ou a luz, sen o certificado enerxético quen teña a intención de vender o alugar unha vivenda enfróntanse a multas que oscilan entre os 600 e os 1.000 euros.

O anuncio do acceso ás axudas para a rehabilitación enerxética de vivendas con cargo aos fondos Europeos  Next Generation foi outro factor incrementou o interese en realizar reformas que faciliten a obtención do certificado. Porén, desde o Colexio de Administradoras e Administradores de Fincas da Galiza (Coafga), entidade que reúne a máis de 600 profesionais do sector, explican da imposibilidade de cumprir os prazos como consecuencia das medidas adoptadas meses atrás para atallar a pandemia da Covid-19.  

Malia a xuntanza que mantivo esta entidade o pasado 10 de febreiro co Director Xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) da Xunta da Galiza, o  Consello  Galego de  Colexios de Aparelladores da Galiza e unha entidade financeira para estabelecer unha folla de ruta conxunta, alertan de que o proceso conta con eivas difíciles de salvar. 

A través dun comunicado, lembran que para optar ás axudas "é necesario o acordo previo da comunidade de propietarios; a redacción dun estudo de eficiencia enerxética do edificio e unha previsión das obras para realizar que logren un aforro da demanda  enerxética e do consumo suficientes para obter a subvención". 

A axuda será maior canto máis diñeiro se invista en mellorar a súa eficiencia, primando os cambios de enerxía fósil por enerxías renovábeis  e melloras da demanda enerxética. Para calcular as obras e a porcentaxe de subvención que a comunidade podería obter polas obras é imprescindíbel contratar a un técnico. 

Colapso nos despachos

Desde a corporación sinalan que neste momento os seus despachos xa están desbordados pola avalancha de peticións para celebrar xuntas de propietarios ordinarias, suspendidas antes do 31 de decembro deste ano para evitar posibles contaxios da Covid-19, pero a publicación das axudas vai agravar a situación.

Calculan que serán necesarias entre catro e sete reunións da xunta de propietarias e propietarios de cada comunidade para tramitar a axuda, "tendo en conta de que son moitas as decisións que hai que tomar e as xestións para realizar, ao que hai que sumar a desconfianza inicial dos propietarios á realización de obras en xeral e o seu descoñecemento da materia".