Día do Párkinson

Unha de cada catro persoas con Párkinson ten unha idade inferior aos 50 anos

Unha das fisioterapeutas que traballa na Asociación Párkinson Galiza-A Coruña imparte unha clase de estiramentos a persoas usuarias. (Foto: Asociación Párkinson Galiza-A Coruña)
Os síntomas van alén dos tremores, que afectan 60% de pacientes.

Unhas 10.000 persoas conviven co Párkinson na Galiza, perto de 160.000 en todo o Estado e oito millóns e medio a nivel mundial. Así o indica a directora da asociación Párkinson Galiza-A Coruña, Mila Oreiro, quen asegura a este xornal que “presupoñemos que hai bastantes máis casos dos rexistrados polo Sergas”. 

No marco do Día Mundial do Párkinson, que decorre esta terza feira, Oreiro explica que esta é unha enfermidade neurodexenerativa que afecta ao sistema nervioso e que consiste na perda de neuronas da substancia negra do cerebro. “Esta perda provoca a falta de dopamina, un compoñente que transmite información para realizar movementos con normalidade e que, sen el, aparecen os síntomas típicos [do Párkinson] como tremores e rixidez”.

Nesta liña sinala que os síntomas desta enfermidade poden diferenciarse en dúas categorías. Por unha parte, están os síntomas motores como a lentitude de movemento, os tremores, a rixidez muscular ou as alteracións na marcha e no equilibrio. Por outra, entre os síntomas non motores encóntranse a depresión, a ansiedade ou o trastorno do control nos impulsos. “Sempre dicimos que o Párkinson é unha enfermidade recoñecida pero pouco coñecida, porque este segundo grupo de síntomas non se habitúan percibir”, cando realmente “40% das persoas con esta enfermidade non ten tremores”, mantén Oreiro.

A directora da asociación asegura que se ben a maior parte de persoas con Párkinson superan os 65 anos, unha de cada catro teñen menos de 50, polo que “tamén afecta a xente nova”. Segundo datos da Sociedade Española de Neuroloxía, na actualidade, o Párkinson está recoñecida como a segunda enfermidade neurodexenerativa con maior incidencia do mundo. Porén, aínda non se coñecen as causas que a provocan. “Crese que poden influír factores ambientais, tamén xenéticos aínda que en menor medida, pero en xeral non coñecemos o motivo”, sostén Oreiro. Isto provoca que “os avances vaian máis lentos do que a xente diagnosticada necesita” así como o descoñecemento dunha cura a esta enfermidade.

Neste contexto, Oreiro asegura que cada vez máis poboación se verá afectada polo Párkinson, e na Galiza en maior medida. “A poboación galega está moi envellecida, polo que máis persoas terán Párkinson”. Ademais, engade que cada vez os servizos de neuroloxía coñecen mellor a doenza e elaboran máis diagnósticos; "é unha suma de factores". Neste sentido, a OMS sinalou recentemente que a prevalencia desta enfermidade duplicouse nos últimos 25 anos

En canto aos tratamentos que axudan a paliar os efectos do Párkinson, existen tres tipos diferentes: o cirúrxico, o farmacolóxico -que se leva a cabo desde os servizos de neuroloxía- e o rehabilitador -do que se encargan na asociación-. Este último está conformado por distintas terapias que alongan a calidade de vida das persoas diagnosticadas como a fisioterapia, a logopedia ou a psicoloxía, entre outras.

Falta de persoal polo aumento da demanda nas asociacións

A directora da asociación Párkinson Galiza-A Coruña, Mila Oreiro, explica que cada vez a demanda dos servizos da entidade é maior. “Antes da pandemia atendiamos a 120 persoas, agora xa pasamos das 170”, unha tendencia ascendente só interrompida polo confinamento, cando o total de pacientes baixou a 90. “A nosa función é atender as persoas diagnosticadas que o sistema público de saúde non pode tratar”, e asegura "necesitamos máis persoal".

O Día do Párkinson na USC

A facultade de Medicina da Universidade de Santiago acolle mañá un encontro de persoal investigador e médico e de pacientes para abordar os retos do Párkinson en conmemoración desta xornada. Nel farase especial fincapé nas consecuencias psicolóxicas da enfermidade, que van máis alá dos tremores. Neste acto participará a Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple, que tamén organiza varias actividades informativas e de sensibilización do Párkinson, e que, ademais, prepara unha comida solidaria para o 26 de abril.