Un de cada catro galegos ten máis de 65 anos

As persoas maiores de 65 anos xa son máis de 700.000. (Foto: Nós Diario).
O país perde 5.181 habitantes malia que o censo de persoas en idade de xubilación aumenta en 8.490.

A Galiza perdeu en 2022 un total de 5.181 habitantes, até situarse en 2.690.464 residentes no conxunto do país, segundo os datos do padrón continuo publicados esta terza feira polo Instituto Nacional de Estatística. A Galiza encadea, así, doce anos coa pirámide poboacional en descenso coa única excepción de 2020, ano no que se experimentou unha leve repunta duns 2.500 habitantes.

Desde 2010, o territorio galego perdeu máis de 107.000 residentes, unha poboación semellante, por exemplo, á de Ourense, terceira cidade do país en volume de habitantes.

Aliás, a poboación galega é máis vella. Os maiores de 65 anos son xa 26,1% do total, cun incremento de 8.490 persoas en comparación con hai un ano, até situarse en 702.630.

Pola súa parte, descenden os menores de 15 anos en 5.714 persoas —agora son 327.964 en total— e en case 8.0000 os que oscilan entre esa idade e os 65 anos —1.659.870—.

O descenso é máis acusado tanto en termos totais como porcentuais na circunscrición de Lugo, que cae até os 323.989 habitantes despois de fechar o ano con 2.024 residentes menos que doce meses atrás.

As do Atlántico, A Coruña e Pontevedra, concentran máis de 76% da poboación total da poboación galega, mais tamén viron diminuír os seus habitantes. Así, A Coruña ten agora 1.119.180 residentes, 954 menos que ao termo de 2021; mentres que Pontevedra perdeu 1.260 habitantes até situarse en 943.015. A poboación de Ourense, pola súa parte, baixa a 304.280 persoas, 943 menos que hai un ano.

Poboación estranxeira

A tendencia é a contraria no que atinxe á poboación estranxeira, que se incrementan en 4.206 até sumar 118.740 persoas. A Coruña mantense á fronte con 46.548, 300 máis que ao termo de 2022.

En Pontevedra residen 38.808 persoas de orixe foránea —unhas 800 máis que hai un ano—, mentres que en Lugo son 16.859 —450 máis— e en Ourense, 16.525 —ídem—.