Un de cada oito casos activos está nas escolas

Mesa sectorial de Ensino.
Con perto de 1.200 casos activos, 300 máis que hai unha semana, os centros de ensino galegos acumulan un de cada oito positivos por coronavirus. Nesta situación, os sindicatos do ensino reclaman á Xunta maior transparencia nos datos e na xestión da pandemia nas aulas, cando 46 delas están fechadas por mor do virus. 

Cun aumento de case un cento de casos activos desde a última medición, a pasada sexta feira,  até os 1.181, os centros educativos acumulan xa 12,6% dos casos activos de coronavirus que se rexistran no país, o que significa que un de cada oito dos 9.376 que traslada o Sergas para o conxunto da Galiza.

Hoxe, un día despois de que a Consellaría de Educación presentase o seu plan de ensino virtual para organizar a docencia ante eventuais confinamentos de aulas ou centros, o titular desta área, Román Rodríguez, anunciaba a inminente posta en funcionamento dunha unidade específica para atender os centros escolares no seo da Central de Seguimento de Contactos

O obxectivo, segundo trasladan desde a Consellaría, é facer un seguimento da Covid-19 "máis axustado á realidade educativa" e cun reforzo da seguridade sanitaria, a través de recursos como a aplicación Educovid, na que se rexistran os positivos vinculados aos centros, e os Autocovid escola, para realizar probas de detección na comunidade escolar xa en funcionamento. 

O tratamento na detección e xestión de contaxios nos colexios e institutos foi, precisamente, unha das críticas que se verteron onte contra a Xunta após a mesa sectorial que reuniu esta semana os sindicatos co conselleiro de Educación, pasados tres meses e medio da última xuntanza, para avaliar o impacto da Covid-19 neste ámbito e as actuacións adoptadas e por adoptar. 

A CIG-Ensino foi a encargada de trasladar esta queixa do profesorado, equipos directivos e familias, que sinalan a "falta de criterios comúns, claros e transparentes" que fan que a resposta de cada centro a un positivo sexa diferente da do resto, tanto na realización de PCR ás medidas de confinamento e comunicación á comunidade escolar. 

A "opacidade", tanto nas decisións sobre a xestión da pandemia, como dos propios datos, é unha das denuncias que lanzou durante a xuntanza o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, que lamenta a falta de información "valiosísima" respecto á incidencia da pandemia no ensino para planificar a resposta da Administración, "como cantos casos pertencen a profesorado e cantos a alumnado, cantos a aulas masificadas ou cantos ás distintas etapas educativas".

Na mesma liña, FeSP-UXT reclama á Administración  educativa galega "claridade e transparencia" na difusión de datos, protocolos e medidas a pór en marcha. 

O encontro da pasada segunda serviu ás organizacións sindicais para volver pór sobre a mesa as necesidades que veñen reclamando desde antes do comezo do curso en canto a redución de ratios por aula e a autorización de desdobres, contratación de profesorado de reforzo na distintas etapas, a dotación de material de protección para profesorado e alumnado e rexeitamento aos anteparos ou recoñecemento á condición de vulnerabilidade do persoal de risco das aulas, segundo enumera a CIG. 

Nesta liña, desde CCOO subliñan a necesidade de profesorado para poder garantir os desdobramentos nas aulas, así como as substitucións que se vaian producindo polas corentenas, e instan a Xunta a realizar probas PCR ao persoal substituto, ao reingresado e a aquel que volve dun permiso longo, e igualmente ao persoal auxiliar de conversa, ademais de pedir reforzo nos equipos de limpeza.

Desde ANPE engaden, ademais, a necesidade de dotar os centros de persoal de enfermaría, mentres que desde FeSP-UXT o que piden é un reforzo nos centros de saúde de Atención Primaria por ser "os que neste momento están a dar a cobertura aos centros".

Tamén avaliaron esta terza feira as centrais sindicais o plan para o paso a ensino virtual que a Consellaría de Educación presentou esta semana, pasados case dous meses desde o inicio do curso, e do que CCOO xa pediu a retirada e a súa substitución por un itinerario "consensuado" .

Para a CIG, o documento resúmese na fórmula do "ti vai facendo" coa que se "sobrecarga de traballo e burocracia" as direccións e profesorado, obrigadas a realizar nunha semana un novo horario para as aulas virtuais e un plan de contixencia.

"Non entendemos a urxencia dos 7 días para preparar as aulas virtuais dos centros educativos", concordan desde ANPE, que demanda unha regulación normativa e organizativa dun marco para o teletraballo.

As organizacións lembran tamén as deficiencias de conectividade do territorio galego e os problemas de formación e material para a docencia en remoto.