Os sindicatos detectan “improvisación” no plan de ensinanza virtual da Xunta

A comunidade educativa do Instituto de Adormideras amosa o espazo entre as mesas. (Foto: Nós Diario)

Os colectivos, que souberon onte que o Goberno galego da sete días aos centros para que teñan os seus documentos particulares, sosteñen que o proxecto da Consellaría de Educación podería non ser viábel. Desde a Confapa-Galiza opinan que isto supón rexeitar a responsabilidade e trasladarlla ás familias.

Após que a Xunta anunciara onte o seu plan de ensinanza virtual e pedira a colaboración das directivas dos centros educativos para preparar documentos específicos de cada infraestrutura en sete días, os sindicatos manifestaron esta sexta feira que ven unha “improvisación” neste tema por parte da Consellaría de Cultura, Educación e Universidade.

As centrais teñen dúbidas de como está a levar o Goberno de Alberto Núñez Feixoo a planificación educativa ante a Covid-19 e pensan que esta nova proposta quizais non sexa “viábel”, fundamentalmente no que atinxe á asignación de recursos informáticos ás e aos estudantes no caso de que sexa preciso recorrer a un confinamento total ou parcial.

Desde o punto de vista do representante da CIG-Ensino, Suso Bermello, a estas alturas “a formación do profesorado” para abordar un cambio así “é insuficiente”. Dubidan “do que poida dar de si o plan” e mesmo lembran que o departamento de Román Rodríguez tiña que ter mirado os recursos tecnolóxicos antes de pensar en imposicións.

Ao parecer de Bermello, isto “é un exemplo de improvisación e de falta de xestión”. O seu homólogo en UGT-Galiza, Felipe Balboa, entende como positivo que xa haxa movementos de tipo preventivo. Porén, ve “dificultade para levar á practica” cuestións como os horarios.

Balboa rexeita, igualmente, que se lles obrigue aos pais a ter equipamento e conexión a internet. Habería máis marxe de manobra se este proxecto para combater a pandemia comezara a xestarse en verán “e non agora”.

Propaganda e carga de traballo para as familias

A secretaria xeral da Federación de Ensino de CC.OO., Luz López, pensa que estas medidas, que tardaron “demasiado tempo”, son “propaganda” e volve insistir na “improvisación”. Por iso, o sindicato pediu que se retirara o plan.

Anpe Galiza ve “inviábel” aplicar os capítulos que sinala Educación. “Non entendemos tampouco a urxencia dos sete días para preparar as aulas virtuais dos centros educativos”, indican as mesmas fontes a través dun comunicado.

Neste contexto, tamén as familias amosan o seu malestar. O presidente da Confederación Galega de Anpas de Centros Públicos (Confapa-Galiza), Rogelio Carballo, avisa de que o plan é “negativo”.

A este respecto, destaca que se precisa “formación do profesorado”. “Non  se pode facer un cambio de horarios en sete días” e “descargando” a “responsabilidade” do mantemento dos estudos só nas unidades familiares, sinala.

Neste contexto, tamén trascendeu hoxe que o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) denegou impor á Consellaría a adopción das medidas cautelarísimas solicitadas por unha das familias contrarias a que os seus fillos asistan a clase de forma presencial polo risco de contaxio.