Cada 12 días hai un delito racista ou LGTBfobo na Galiza

Restauración en Oleiros dunha bandeira do arco da vella vandalizada na entrada ao IES Miraflores. (Foto: Nós Diario)
Na Galiza rexistráronse máis de 400 delitos de odio entre 2013 e 2020, dos cales máis da metade —230- foron por racismo e xenofobia e, principalmente, pola orientación sexual e identidade de xénero da vítima. Unha situación que nestes anos padeceron máis de 200 persoas, segundo os datos do Ministerio de Interior español, que recoñece que non todas estas situacións e delitos se denuncian.

O Consello de Ministras e Ministros da pasada terza feira analizou o II Plan de acción de loita contra os delitos de odio 2022-2024. Informábase no Consello que en 2021 as Forzas de Seguridade investigaron 1.802 posíbeis delitos de odio no Estado, 530 máis que cinco anos antes, o que representa un incremento de 41,6%. No informe non se desagregan os datos por territorios, o que si está dispoñíbel para os rexistros de 2013 a 2020, este último publicado recentemente, e que permite coñecer cal é a situación na Galiza.

Neses sete anos rexistráronse polas autoridades na Galiza máis de 400 delitos de odio, sumando os que corresponden a ataques por orientación sexual e identidade de xénero (130), e por racismo e xenofobia (99) máis da metade: 230 delitos, o que representa seis de cada dez. Os datos indican que, como media, cada 12 días hai un delito destas características no país.

As vítimas

Máis de 200 persoas foron vítimas no período mencionado de delitos racistas ou pola súa condición sexual. No último ano rexistrado, 2020, esta situación sufrírona 24 persoas, unha media de dúas por mes.

Houbo, segundo o informe de Interior correspondente a ese exercicio, 19 vítimas de delitos de racismo e xenofobia e 5 por identidade de xénero ou orientación sexual. Neste segundo caso constátase un descenso notábel a respecto de anos anteriores. En 2014 houbo 43 destes delitos e en 2013 foron 44.

A respecto do racismo e xenofobia a cifra mantívose desde 2013 ao redor dunha decena ao ano, se ben houbo exercicios onde se rexistraron até 19, como foi en 2018.

Asasinatos, malleiras e pintadas con ameazas

Os datos correspondentes a 2020 hai que interpretalos, ademais, sen perder de vista que foi un exercicio marcado pola pandemia, con confinamento incluído, o que implicou un descenso nas cifras de delitos e criminalidade en todos os niveis.

En 2021, houbo varios exemplos na Galiza de como este tipo de violencias volvían:  o asasinato de Samuel na Coruña, unha parella homosexual golpeada na mesma cidade, pintadas homófobas na casa dun veciño de Cabo de Cruz que pendurou da xanela unha bandeira do orgullo, pintadas de “maricón muerto, abono para mi huerto” nun instituto de Lugo, unha muller trans agredida en Compostela…

Variedade de causas

Os delitos de odio non abranguen só aqueles referidos á raza ou procedencia dunha persoa ou á súa orientación sexual. Tamén se rexistran delitos por 'anticiganismo' (houbo catro entre 2019 e 2020, os dous anos onde esta categorización se aplicou por primeira vez.

Un dos mía frecuentes son aqueles producidos por ter a vítima algunha discapacidade mental e ou física: houbo 58 casos rexistrados desde 2013 até 2020, con anos nos que a media era máis de un por mes, como nos exercicios 2014 e 2015.