Tres de cada 100 vivendas baleiras na Unión Europea atópanse na Galiza

Vivenda abandonada no lugar da Poxa, parroquia de Chouzán no concello de Carballedo. (Foto: Jglamela).
O territorio galego conta coa metade de casas sen habitar que o Reino Unido.

Na Unión Europea hai por volta de 10 millóns de vivendas sen habitar, segundo datos das estatísticas da propia UE e que poñen sobre a mesa a disparidade entre este dato e a existencia na Unión dunhas 700.000 persoas sen fogar que viven o seu día a día na rúa.

Un dato completa esta imaxe: na Galiza hai perto de 300.000 vivendas baleiras segundo o último censo oficial do Instituto Nacional de Estatística, cifra que a Federación galega de empresas inmobiliarias (Fegein) eleva a principios de 2022 a máis de 340.000. Unha cifra que representa, pois, entre 18% e 20% do total das existentes no país —máis de 1.600.000—. É a porcentaxe máis alta de todo o Estado español.

Así pois, de cada 100 vivendas baleiras que hai na Unión Europea, tres están na Galiza. Unha porcentaxe moi alta, sobre todo ao considerar que a poboación galega é apenas 0,5% dos habitantes da UE. 

Na Galiza, con 2.700.000 residentes hai case a metade dos inmóbeis baleiros que existen no Reino Unido, e o mesmo número de vivendas deshabitadas que hai en Grecia, que ten case 11 millóns de habitantes. 

Habitabilidade

A Galiza, cunha alta dispersión poboacional e un número elevado de núcleos de poboación, acolle unha cifra considerábel de casas e pisos onde non vive ninguén. Nunha porcentaxe dos mesmos e por factores como a localización ou condicións de habitabilidade, non serán habitados nunca. 

A propia Fegein, nun informe, apunta que só unha pequena parte das vivendas baleiras están "no circuíto de comercialización" e cifra en 78% as que "precisan unha rehabilitación ou reforma". Actuacións estas nas que intervención ou apoio das diferentes Administracións públicas é fundamental. Mais, apunta a federación, "as Administracións non están a ser capaces de mobilizar a vivenda baleira nun contexto de axudas económicas á rehabilitación como nunca houbo".

O pasado mes de febreiro, a oposición acusaba a Xunta da Galiza de "deixar sen executar" 400 millóns de euros entre 2012 e 2020 correspondentes a programas como o de fomento da rehabilitación, entre outros.

Neste sentido, o delegado do Goberno español na Galiza, José Miñóns, reiterou onte que o Estado destinara 400 millóns para "políticas de vivenda", instando a Xunta a que este diñeiro "chegue á cidadanía". 

Tamén nas cidades

No informe de Indicadores Urbanos que publica o Instituto Nacional de Estatística (INE) tres cidades galegas lideran o ránking no Estado de urbes con maior porcentaxe de vivendas deshabitadas. Unha listaxe de 111 cidades na que o primeiro posto corresponde á catalá Manresa, onde 23,8% das vivendas están baleiras. En segundo posto figura Ourense, con 21,7%; seguida de Lugo, con 20,7%, e de Ferrol, con 19,7% das vivendas sen habitar. A media estatal é de 13,6%. Así pois, das catro cidades do Estado onde hai maior porcentaxe de vivendas baleiras, tres son galegas. Pontevedra figura nesa lista no posto onceavo (17,4%).  En Compostela a porcentaxe é de 16,9%, na Coruña 14,2% e en Vigo perto de 13%.