Os cabalos do monte, imprescindíbeis para a conservación da paisaxe galega

[Imaxe: Daniel Chiri-Asociación A Rapa das Bestas de Sabucedo] As bestas do monte teñen un impacto positivo na preservación da paisaxe e do medio agroforestal
A Asociación A Rapa das Bestas de Sabucedo leva tres anos traballando nun modelo novo de xestión e valorización do sistema de manexo tradicional dos cabalos bravos da Galiza. A posta en marcha dun grupo operativo de innovación permitiulles desenvolver diferentes solucións tecnolóxicas para a conservación das bestas e dos ecosistemas que habitan. O modelo experimental, cofinanciado pola Xunta e fondos Feader, preséntase como unha oportunidade de uso compartido por todas as comunidades de montes do país.

O abandono do rural non só deixa as aldeas baleiras e sen xente moza. Na última década tamén motivou un cambio dos usos do monte que complica a súa preservación e a das bestas que o andan libremente ao longo do ano. O seu aproveitamento desapareceu, deixou de ser unha actividade rendíbel; pero malia todo, aínda queda xente implicada na súa supervivencia.

O desleixo no coidado do monte empeorou o estado dos matos e da biomasa vexetal. O risco de incendio é maior ao tempo que os cabalos bravos atopan máis dificultades para permanecer no alto. Cada vez máis baixan ás aldeas, cruzan as estradas e ocupan cultivos privados, o que fai aumentar a conflitividade social.

“O noso é un traballo cooperativo que precisa dos coidados de moita xente”, apunta a Sermos Galiza Henrique Bazal, membro da Asociación A Rapa das Bestas de Sabucedo. “O abandono do rural déixanos moita xente maior, que xa non está en condicións de subir ao monte, e pouca xente nova, aínda disposta a pelexar polos cabalos salvaxes. Polo tanto, necesitamos ferramentas que garantan o futuro desta actividade e que axilice o traballo dos que seguimos porfiando”.

O camiño para facilitar a xestión dos cabalos bravos da Galiza comezou hai tres anos coa creación dun Grupo Operativo de Innovación (GOI Bestas) coordinado pola Asociación A Rapa das Bestas de Sabucedo. Nel participan a Universidade da Coruña, a Asociación Galega de Custodia do Territorio, o Centro de Investigación Agrarias de Mabegondo, o Instituto Galego de Calidade Alimentaria, gandeiros da Serra da Groba, mancomuneiros de Friol e a empresa 3edata, un proxecto de base tecnolóxica centrada no medio rural e en datos ambientais.

Na práctica, o GOI xuntou “persoas de diferentes ámbitos preocupadas pola conservación, a mellora e a posta en valor dos cabalos bravos e os seus hábitats”, explica Laura Lagos, investigadora da Universidade da Coruña e membro do grupo Biocost.

O primeiro foi identificar os problemas fundamentais das gandeiras, que, segundo Bazal, son comúns en todas as serras da Galiza. “Unha vez detectados comezamos a definir solucións tecnolóxicas que nos axudasen a minimizalos e que, á súa vez, representasen unha grande oportunidade para o manexo dos animais”.

Solucións tecnolóxicas para os cabalos do monte

Neste tempo, en Sabucedo probaron diferentes dispositivos tecnolóxicos nunha zona de monte dunhas 3.000 hectáreas pertencentes ás comunidades de montes da Estrada, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade e Cuntis. “Decidimos apostar no uso de drons, que ademais de localizar os animais no monte, sobre todo en áreas remotas, poden chegar a facilitar os manexo das greas nun momento puntual, para salvar os animais de zonas complicadas ou de difícil acceso”.

Unha funcionalidade que se complementa co uso de colares GPS que manteñen as greas monitorizadas e localizadas as 24 horas. “Colocámolles un colar a unha egua de cada unha das 11 mandas que se moven habitualmente no noso campo de probas. Cada hora permíteche ver onde están, cara a onde se desprazan e intervir rápido se ves que se achegan a unha zona comprometida. Mesmo na primavera, cando comezan a nacer os poldros, o acceso ás greas é máis doado porque xa as tes localizadas” conta Laura Lagos.

Para Henrique Bazal, o mellor desta solución é que lles axuda a coñecer as bestas. “Se accedemos ao historial de cada GPS descubrimos o comportamento de cada egua e da súa grea, cales son as súas zonas de campía preferidas, de que se alimentan. E permítenos actuar en consecuencia”. As mandas de bestas adoitan ser estábeis e moi territoriais. Ao longo do ano móvense en pouco máis de 200 hectáreas e apenas superan eses límites. Tampouco baixan ás zonas de pasto e cultivo. No inverno, só dúas ou tres greas divídense; as femias baixan ás aldeas e os machos permanecen no monte.

A experiencia destes anos tamén lles valeu aos gandeiros de Sabucedo para confirmar que a composición das mandas foi mudando co tempo. “Antigamente había mandas de até 50 cabalos. Agora son de entre 20 e 30 bestas, porque hai menos pasto. As imaxes que nos ofrecen os drons permítennos facer un seguimento en tempo real ou gravar os grupos de cabalos para despois facer reconto dos exemplares e estabelecer un censo”, sinala Bazal.

Unha ferramenta cartográfica ao servizo de todas as serras da Galiza

Pero amais destas dúas ferramentas, o grupo GOI Bestas aínda deu cunha terceira solución que aproveita as imaxes gratuítas do satélite Centinel para cartografar o hábitat de referencia das bestas, identificar a composición do monte e facer “unha ferramenta de balde e sinxela para calquera persoa, de xeito que a poida empregar sen necesidade de ser experta”, explica o profesor e investigador principal do proxecto Biocost da Universidade da Coruña Jaime Fagúndez.

Coa achega doutras imaxes aéreas e algúns datos máis recollidos sobre o terreo, completouse unha ferramenta que na práctica ofrece “un visor accesíbel desde calquera dispositivo que permite seleccionar unha área determinada do monte na cal recoñece determinadas unidades de vexetación, moi interesantes para o caso que nos ocupa”.

Fagúndez mantén que para a conservación do gando do monte, a preservación da biodiversidade e a contención da biomasa co fin de reducir os lumes forestais, resulta fundamental identificar e controlar “as toxeiras mestas, con plantas moi evolucionadas, onde apenas hai herba e o pasto non medra. Son espazos de difícil acceso para os cabalos e as vacas do monte, polo tanto son lugares onde recomendamos actuar, ben rozando o toxo, ben introducindo máis bestas para telo controlado”.

Valedoras da biodiversidade

A experiencia piloto coordinada pola Asociación A Rapa das Bestas de Sabucedo mantén abertas outras liñas de investigación de grande interese para o control e o manexo dos cabalos do monte. “Un dos asuntos máis controvertidos e difíciles de xestionar é o de convencer os comuneiros e os propietarios privados para podermos ser axentes de custodia dos seus terreos. Son moi reticentes a que os nosos animais pazan os seus prados malia representar un sistema de xestión natural e eficaz”. Segundo conta Henrique Bazal, neste tempo lograron algúns acordos verbais pero aínda non conseguiron asinar ningún por escrito.

“A presenza de bestas ten un impacto moi positivo no mantemento da calidade e a produtividade dos pastos para o aproveitamento do gando vacún. Ademais, desde o punto de vista da biodiversidade, está demostrado que os valores son mellores cando hai cabalos no monte”.

“É urxente recoñecer os beneficios das bestas no seu contorno. Por primeira vez relaciónase a xestión do medio agroforestal coa conservación de hábitats con presenza de cabalos salvaxes no monte”, di o de Sabucedo. Os efectos, engade o investigador Jaime Fagúndez, maniféstanse en todos os ámbitos.

“A presenza de bestas ten un impacto moi positivo no mantemento da calidade e a produtividade dos pastos para o aproveitamento do gando vacún. Desde o punto de vista dos incendios, os cabalos son os que máis toxo consomen e mellor o controlan. E desde a preservación da biodiversidade, está demostrado que os valores son mellores cando hai cabalos no monte”.