Caballero pide rescatar o hospital Álvaro Cunqueiro

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, nunha rolda de prensa o 16 de novembro de 2020 (Foto: Europa Press).
O rexedor socialista propón aproveitar as "condicións" do mercado financeiro e o contexto duns orzamentos expansivos e asegura que é máis beneficioso pagar o rescate que o canon da actual concesionaria.

O PSdeG presentará unha nova proposición non de lei para o seu debate en pleno do Parlamento galego e na que reclamará que o hospital Álvaro Cunqueiro pase a ser de titularidade "plenamente pública". Para reverter a concesión, propón aproveitar as "condicións" do mercado financeiro e o contexto duns orzamentos expansivos.

Así o trasladaron en declaracións aos medios o secretario xeral socialista, Gonzalo Caballero, e o voceiro de Sanidade do grupo parlamentario, Julio Torrado.

Caballero sinalou que a venda de accións por parte da sociedade concesionaria fixo accionista maioritario a un fondo de investimento francés, quedando de manifesta "a gran farsa" do presidente da Xunta, o popular Alberto Núñez Feixoo, sobre o hospital.

O dirixente socialista lembrou que a Xunta pagará por esta infraestrutura o dobre do inicialmente previsto e a pesar de que se recortaron camas e servizos. A fórmula de canon anual, uns 73 millóns de euros ao ano, revelouse para os socialistas como "pouco eficiente e extremadamente gravosa para as arcas públicas".

Torrado cualificou dunha "anomalía do sistema" a situación do hospital vigués, lembrando que fican por pagar á concesionaria "uns 550 millóns de euros".

A Xunta tería a posibilidade de acudir ao mercado financeiro para solicitar un crédito e recuperar a concesión con condicións máis vantaxosas e con menos intereses dos que está a pagar agora, argumentou Torrado. Á vista está que as propietarias están "dispostas a vender", agregou, pondo de exemplo a venda de accións da construtora Acciona.

Outra opción pasaría por negociar coa propia empresa "outro modelo de rescate" no que se pacten os pagos e a Administración galega conste como titular desde o comezo. "É unha operación grande, pero posíbel", insistiu o deputado.