Abel Caballero insiste no transvasamento do Verdugo

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, en rolda de prensa. (Foto: Europa Press)
Para o alcalde,  o Goberno galego "ataca Vigo de novo".

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, volveu insistir nesta quinta feira no transvasamento do río Verdugo para abastecer de auga a cidade.

O rexedor socialista criticou que, segundo el, a Xunta "pretende que Vigo quede sen auga".

Nunha rolda de prensa, lembrou que, durante a "gran seca" de 2017, o aínda presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, "foi polas televisións estatais dicindo que a auga de Vigo era mala", e que o Goberno galego sancionou o Concello, para despois retirar as multas por sentenza xudicial.

As palabras de Caballero chegan despois de que a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, manifestase as dúbidas do Goberno galego sobre a necesidade dun transvasamento para garantir o abastecemento de auga á cidade e a súa contorna.

"Novo ataque a Vigo"

O alcalde vigués sinalou que, despois da seca de 2017, pediu "apoio ao Goberno español", que encargou un estudo técnico sobre as posibilidades para garantir o abastecemento de auga en Vigo nun futuro

O informe, 'Estudo de alternativas e documento ambiental para a mellora da garantía do abastecemento na zona sur da Provincia de Pontevedra', recolle, entre outras, a construción dun encoro en Forzáns, no concello de Pontecaldelas, ou o transvasamento dos ríos Verdugo e Oitavén.

"Agora que nos din o que hai que facer, a conselleira di que non lle vale, porque o estudo non pon o que ela quere", censurou, e criticou que a Xunta se opoña a un transvasamento de emerxencia, que "non produce deterioro da auga nin ambiental". 

Para o alcalde,  o Goberno galego "ataca Vigo de novo". Tamén denunciou que a Xunta rexeita financiar unha nova potabilizadora, que terá que pagar o Concello.