Caballero defende o gasto en alumeado de Nadal malia á pandemia pola "ilusión" da xente

Imaxe de arquivo do alcalde de Vigo, Abel Caballero. (Foto: Europa Press)
O rexedor vigués, do que tamén falou o deputado nacionalista Néstor Rego, convertiuse nun dos temas do día nas redes sociais despois de intervir na televisión. O alcalde defendeu o gasto en alumeado na cidade polo ánimo da cidadanía, mentres Compostela e Pontevedra anunciaban que non haberá cabalgatas de Reis.

O alcalde de Vigo tivo hoxe outro pico de fama nas redes sociais e nas televisións do Estado após aparecer en varios programas defendendo a necesidade de contar co alumeado de Nadal que tan famoso se fixo nos últimos anos na cidade.

"Non creo que haxa que cancelar o Nadal, creo que se pode celebrar con seguridade Covid 100%. A ilusión do Nadal é marabillosa e a precisamos, máis aínda en pandemia", declarou a un programa de Telecinco.

Grazas a súa intervención, durante unhas horas Abel Caballero foi trending topic en Twitter e os chíos sobre a ornamentación de Vigo non paraban de aparecer nos taboleiros desta rede social. Novamente, o rexedor empregou esta estratexia como unha campaña turística para Vigo.

Para ben -felicitando a súa idea de retransmitir en streaming o alumeado das festas- ou para mal -criticando que non faga o propio co pleno municipal-, o socialista estivo nos teclados de centos de persoas.

Críticas do BNG

Porén, esa aparición de Caballero non foi a única que o puxo de actualidade nesta terza feira. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, lembrou nunha comparecencia que cando Caballero era ministro de transportes, en 1988 "prometeu que Galiza estaría conectada con Madrid pola alta velocidade no ano 1993".

Hoxe como alcalde e presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), "no canto de criticar o seu partido por incumprir os compromisos en materia ferroviaria para conectar coa red portuguesa, dedícase a criticar ao BNG por pedir máis inversións para Galiza e para Vigo.

Outras festas posíbeis

Ao tempo que o alcalde vigués defendía a inversión no alumeado para recuperar a ilusión fronte ás limitacións do coronavirus, tanto o Concello de Compostela como o de Pontevedra anunciaban a súa programación para os días libres.

Nas dúas cidades haberá actividades como mercados e actos destinados ás crianzas, pero sumáronse á Coruña na decisión de cancelar as cabalgatas de Reis para evitar o risco de contaxios entre a poboación.