Abel Caballero acusa a Xunta de gañar “diñeiro coa pandemia”

O rexedor vigués durante unha rolda de prensa. (Foto: Concello de Vigo)
O alcalde de Vigo insta o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, a que saia a explicar esa acusación. "Rétoo a que o desminta", di, pois sostén que as liñas de axuda aos distintos sectores non saen de fondos propios.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, sostén que á Xunta compénsalle esta crise sanitaria porque “gaña diñeiro”. Acusou a Administración galega de estar a ingresar porque non utiliza fondos propios para as liñas de subvencións que abre de cara aos sectores prexudicados polas medidas para frear a Covid-19.

Segundo o rexedor socialista “tampouco” está a investir “todo o diñeiro transferido polo Goberno central”.

Ante esta acusación, pediu ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, que se non está no certo nas súas palabras saía publicamente para “desmentir” estas informacións.

No decorrer dunha rolda de prensa, Caballero insistiu en que “até o de agora, quen está dedicando recursos é o Goberno de España”.

“A Xunta, este ano, non dedicou nin un céntimo para hostalaría, pequeno comercio ou autónomos”, reprobou.

En consecuencia, atendendo á verdade que defende, lamentou que a equipa de Feixoo presuma de “anuncios” e de “plans de rescate” sen aclarar de onde saen os cartos. “Todo o diñeiro vén do Goberno de España, e a Xunta ocúltao porque é unha desleal”, incide.

Pero o alcalde foi máis alá nas súas declaracións: “A Xunta recibe máis diñeiro do Goberno central e da UE do que dedica á recuperación económica”. Sempre segundo as súas palabras, en consecuencia “gaña diñeiro coa pandemia”.

"Reto Feixóo a que o desminta. Cando queira intercambiamos opinións para ver onde están os recursos que lle enviou o Goberno, e por que non poñen nos anuncios que o diñeiro dos plans de rescate vén do Goberno na súa totalidade", invitou.