Os Reis Magos chegan hoxe á Galiza con choiva e cargados de caramelos: estes son os horarios das cabalgatas

Cabalgata de Reis do pasado ano en Ourense. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
A predición para esta sexta feira é de ceos con nubes e claros, precipitacións e temperaturas mínimas que irán en descenso moderado, coas máximas en descenso lixeiro.

Como cada 5 de xaneiro, os Reis Magos teñen unha cita ineludíbel cos máis pequenos para tratar de cumprir as súas peticións e, para iso, ao noso país chegarán hoxe con choiva e cargados de quilos de caramelos. A predición para esta sexta feira é de ceos con nubes e claros, precipitacións e temperaturas mínimas que irán en descenso moderado, coas máximas en descenso lixeiro.

Aínda así, está previsto que as súas Maxestades de Oriente cheguen a Santiago de Compostela ás 17 horas. Sairán da praza da Mercé de Conxo e durante o seu roteiro polas rúas compostelás haberá "sorpresas doces e musicais", avanzan, até chegar ao Obradoiro. Posteriormente, recibirán as crianzas no Pazo de Raxoi.

Na Coruña, o desfile contará con 14 carrozas, cinco trens e 17 compañías artísticas e de animación durante o seu percorrido. A comitiva, que sairá ás 18 horas do Barrio das Flores finalizará, como xa é habitual, na praza de María Pita.

Os Reis tamén pararán en Vigo, onde estaba prevista unha cabalgata estática ás 11 horas na avenida de Castelao que finalmente tivo que ser cancelada pola choiva. Pola tarde, desta vez si, arrincarán ás 18.30 horas de avenida de Castelao, subirán por Camelias para rodear a praza de Independencia por Álvaro Cunqueiro e regresarán a Camelias para continuar até a praza do Rei. Desde alí, As súas Maxestades irán, en coche, até a Porta do Sol, onde se dirixirán a todas as familias.

Na cidade de Pontevedra terán unha recepción oficial ás 11 horas na praza de Mugartegui e ás 18 horas empezarán o seu percorrido en carroza até chegar á Alameda.

En tren e ás 17 horas. Así chegarán os Reis Magos a Catoira para desfilar polas súas rúas e terminar no Multiusos, onde recibirán os máis pequenos. O broche final porao unha chocolatada, no mesmo edificio.

Pola súa parte, en Ourense sairán novamente da estación do AVE ás 17.30 horas, pasarán por Eulogio Gómez Franqueira, avenida das Caldas, Ponte Romana, Progreso, Dr. Marañón e Praza Maior. Esta cabalgata trae consigo a estrea dunha aplicación que permite acceder sobre un mapa á información de interese da cidade e o propio Concello. Por iso, quen o desexe pode xeolocalizar en directo o paso da comitiva polas rúas ourensás para saber en tempo real onde está.

En Lugo o traxecto sufrirá un cambio pola peonalización do centro histórico. O percorrido sairá de Frigsa e seguirá pola Avenida da Coruña e a Rolda da Muralla até a rúa Vilalba, para chegar ao Concello por Bispo Aguirre e o fondo da Praza Maior.

Á eurociudade Tui-Valença chegarán en tren, ás 17 horas, pola estación da localidade portuguesa, e desde alí subirán nas súas carrozas para saudar a poboación dunha e outra beira do río Miño. O percorrido, que finalizarán no paseo da Corredoira, pasará pola vella ponte internacional, a rúa común entre Tui e Valença, a porta de entrada á Galiza do Camiño Portugués e finalizará no paseo da Corredoira.

En Ferrol, a cita comezará ás 18 horas cun percorrido de carrozas entre as que estará presente a de 'Lil Kids', gañador do popular concurso televisivo Got Talent, e finalizará cunha recepción na praza de Armas.

En Ribeira, as tres Maxestades de Oriente chegarán ao porto ás 18 horas e iniciarán o percorrido na rúa Canarias para finalizar na praza de España, onde darán un discurso e haberá unha recepción.