VÍDEO NO INTERIOR

Unha estrada "intransitábel" illa o mosteiro de Caaveiro e as Fragas do Eume

This browser does not support the video element.

Chegar até o mosteiro de Caaveiro e ao interior das Fragas do Eume é un desexo cada vez máis inaccesíbel para moitas persoas visitantes. Tamén para a veciñanza que traballa na contorna. A principal vía de comunicación permanece "intransitábel" desde a pasada primavera, anegada, inzada de fochancas e perigos.

Alcanzar o mosteiro de Caaveiro (A Capela, comarca do Eume) desde Pontedeume, pola estrada de Ombre que vai dar ao cenobio é, ás portas do inverno, un camiño de obstáculos. As chuvias do outono empeoraron as condicións da principal vía de acceso a este Ben de Interese Cultural e tamén ao corazón das Fragas do Eume. "Caeron árbores, producíronse desprendementos e hai pedras no medio que interrompen o paso", describe en conversa con Nós Diario Carmen Blanco, propietaria da Taberna de Caaveiro que dá acubillo aos visitantes que se achegan ao mosteiro sábados, domingos e festivos.

Os estragos comezaron a acelerarse hai xusto un ano, en decembro de 2022. "O río desbordouse e causou danos que non se arranxaron". Chegada a primavera, o servizo de autobuses que a Deputación da Coruña pon en marcha a modo de lanzadeira para evitar a chegada masiva de turismos ao parque natural non entrou en funcionamento. "A empresa de transportes negouse a realizar o servizo porque a estrada tiña tantas fochancas que era impracticábel para un autobús con dez viaxes diarias previstas de ida e volta".

Treito inundado na estrada que conduce a Caaveiro e ao interior das Fragas do Eume. (Foto: Carmen Blanco).

No verán a situación non mellorou e a estrada permaneceu cortada. E así segue. O traxecto que Carmen Blanco facía antes en 20 minutos agora lévalle hora e cuarto. "A última vez contei 152 fochancas e hai dous tramos inundados que fan a ruta máis difícil". Segundo relata, moitas familias con crianzas e xente maior "non poden camiñar a distancia que separa o centro de interpretación das Fragas do Eume do mosteiro de Caaveiro". Son oito quilómetros pola estrada que vai bordeando o río, un traxecto que desde a Semana Santa as persoas visitantes percorren a pé ou en bicicleta. "Moitas, malia todo, alcanzan o monumento, pero outras chegan a un punto en que dan volta".

Debate sobre a titularidade

Historicamente, a Xunta da Galiza foi quen se encargou do acondicionamento da estrada cuxa titularidade agora se discute. O Executivo galego recoñece a preguntas deste xornal que "en 2019 e 2021 realizou actuacións puntuais de mellora da estrada" que dá continuidade á DP-6902 que chega até o centro de interpretación, cuxa titularidade e mantemento corresponden á Deputación da Coruña, mais afirma que esa vía que "vai do lugar da Alameda (Pontedeume) até a ponte de Santa Cristina (Monfero) non pertence á rede de estradas de titularidade da Comunidade Autónoma da Galiza". Se neses anos tapou "as fochancas existentes" na estrada foi para "dar maior seguridade ao persoal de conservación do parque e aos usuarios ante a ausencia de mantemento e o descoñecemento do titular da vía", que urxe "clarificar para adoptar unha solución definitiva".

Segundo explica a Nós Diario o deputado do BNG no Parlamento galego Mon Fernández –promotor dunha iniciativa sobre as condicións de acceso ao Parque Natural Fragas do Eume pendente de debate– esta vía abriuna no seu día o Instituto para a Conservación da Naturaleza, Icona, cuxas competencias foron transferidas á Comunidade Autónoma da Galiza en virtude do Real Decreto 1535/1984, do 20 de xuño.

A caída de árbores e pólas sobre a estrada é constante até impedir ou dificultar o tránsito. (Foto: Carmen Blanco).

Para o deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Penas, a titularidade do camiño non ofrece dúbidas. "Até o centro de interpretación é da Deputación e está en perfecto estado de mantemento. A partir de aí foi do Icona, que coa súa disolución transferiulle ás comunidades autónomas todos os bens e servizos, a estrada incluída, polo que desde ese momento entendemos que é da Xunta".

Sen entrar nos detalles xurídicos documentados, advirte Penas, "durante os últimos 40 anos a Xunta asumiu a conservación da estrada, deses oito quilómetros que entran no interior das Fragas. Encargouse de todo e non houbo ningún problema até que agora decidiu deixar de atendela". E decidiuno de forma "unilateral", advirte Mon Fernández, "sen preocuparse de quen ía asumir ese mantemento, sen preparar unha alternativa para evitar o que era previsíbel: que a estrada se convertese nunha sucesión de cráteres intransitábel". Outro "desleixo" máis contra as Fragas, cuxo acceso e conservación se ven moi limitados.

Porén, Carmen Blanco segue a desafiar os obstáculos. "É perigoso, pero é o meu medio de vida e porfío xa como forma de protesta. Mais entendo que de seguir así terei que fechar. As fendas e os obstáculoas son cada día maiores. Xa penso en contratar un perito que certifique a perigosidade da vía porque acabará habendo unha desgraza. Non vale que agora se desentendan e permitan este abandono do parque natural", conclúe.

Camiño de acceso áo mosterio de Caaverio, nas Fragas do Eume. (Foto: Carmen Blanco).

Unha estrada sen dono nin mantemento

As condicións da estrada que dá acceso a Caaveiro súmanse, di Xosé Penas, a "un problema de mantemento do parque natural", unha obriga da Xunta da Galiza que, en resposta a Nós Diario, reafírmase "xestora do parque". Porén, advirte, "isto non quere dicir que teña que facerse cargo do mantemento das vías" que o atravesan, "mais calquera actuación que se queira realizar nesa estrada debe contar co visto e prace do Goberno autonómico".

"É contraditorio", retruca Penas, "o principal perigo da estrada son as inundacións e a caída de árbores e pedras. Dá igual de quen sexa a estrada, a Xunta ten que participar do seu mantemento". Esta taerza feira, Xunta e Deputación reúnense para dar cunha solución.