Buscan solución para as afectadas polo incendio ocorrido en Vigo

Portal número 6 da rúa Alfonso X o Sabio de Vigo, após o incendio. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)
Xunta e Concello anuncian un convenio para financiar solucións habitacionais.

A Xunta da Galiza e o Concello de Vigo asinarán un convenio de colaboración para financiar solucións habitacionais ás persoas afectadas polo incendio rexistrado a semana pasada nun edificio da rúa Afonso X O Sabio, no barrio das Travesas, no que faleceron catro persoas.

A delegada do Goberno galego en Vigo, Ana Ortiz, ao remate dun encontro con representantes municipais, amosou a disposición da Xunta da Galiza  a "tender a man" ao Concello de Vigo ante esta "situación excepcional e complexa".

Ortiz avanzou unha nova reunión para especificar as necesidades dos afectados e analizar as solucións se lles pode dar desde as administracións. Neste sentido, asegurou que “quedamos en que nos ían a pasar os informes sociais das oito familias afectadas para que podamos estudar cada caso concreto, cales son os recursos que desde a Xunta podemos achegar".

A concelleira de Benestar Social de Vigo, Yolanda Aguiar, presente no encontro, destacou o clima de "máxima cordialidade" da reunión. Porén, lembrou que as competencias de vivenda son "exclusivas" da Xunta da Galiza polo que pediu ao Executivo galego que busque unha solución residencial a estas familias, afectadas polo incendio de Vigo.