Os traballos de busca, localización e inspección do pecio do 'Vila de Pitanxo' comezarán en maio

Un pesqueiro navegando na zona na que afundiu o 'Vila de Pitanxo'. (Foto: Forzas Armadas do Canadá)
A Plataforma de Contratación do Sector Público publica esta segunda feira a licitación deste proxecto que ten como obxectivo desprazarse até os restos do barco naufragado en febreiro de 2022 para tentar dilucidar as causas do sinistro, que se está a investigar na Audiencia Nacional.

O Goberno publicou na Plataforma de Contratación do Sector Público a licitación do contrato para a procura, localización e inspección do pecio do pesqueiro galego Vila de Pitanxo, co obxectivo de gravar o seu estado actual para tratar de coñecer as causas do sucedido. Esta licitación prodúcese máis dun ano despois da traxedia, ocorrida na madrugada do 15 de febreiro de 2022 a 450 quilómetros da costa de Terranova (Canadá), onde perderon a vida 21 dos 24 mariñeiros a bordo do buque.

Precisamente hai máis dun mes o Executivo estatal avanzara o anuncio de licitación, pero non foi até esta segunda feira cando foi publicado definitivamente. Este contrato realízase polo procedemento "acelerado", xustificándose na "urxencia" de baixar ao pecio durante a primavera ou o verán, "época con climatoloxía favorábel na zona" para así "dispor de maiores oportunidades de éxito". Os traballos realizaranse entre o 1 de maio e o 31 de outubro deste ano, cunha duración de 15 días prorrogábel por outra quincena.

Ademais, o Goberno recoñece que a Audiencia Nacional, onde continúa un procedemento xudicial do accidente, urxiu o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana a acelerar "todo o posíbel" a tramitación para dispor "cando antes" do informe pericial que deben realizar os investigadores da Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (CIAIM), que foron designados peritos xudiciais.

O prazo de presentación das ofertas rematará o próximo 28 de marzo ás 15 horas, e o valor estimado do contrato ascende a 3 millóns de euros, impostos á marxe, cun prazo de execución de 25 días. En concreto, os pregos prevén un prazo de até 15 días de operacións: 7 días para a procura e 8 días para a inspección submarina. A eles haberá que sumar até 16 días de ida e volta en función do porto de saída do barco. Aliás, contémplanse tamén 10 días de inoperatividade por mal tempo. A zona atópase a unhas 1.600 millas da península ibérica e a unha profundidade duns mil metros.

Para a execución do obxecto do contrato, segundo explica o Ministerio, o adxudicatario deberá dispor dun buque tipo OSV —offshore support vessel— de máis de 65 metros de eslora e que estea dotado de equipo de busca e equipo de inspección. Como data límite de inicio márcase o 1 de outubro.

Todo iso despois de que as familias dos falecidos insistisen durante meses na importancia de baixar ao pecio para atopar probas das causas do accidente. A pesar de que nun primeiro momento o Executivo dixo que cumpría agardar até que os investigadores solicitáseno, finalmente así foi.

Neste senso, a portavoz das familias dos 21 falecidos, María José de Pazo, recoñeceu que se trata dunha "boa noticia", xa que os familiares pediran baixar ao pecio "desde o principio". "Cedo poderemos coñecer a empresa adxudicataria e acometerase por fin a operativa de baixada. Agora toca esperar os trámites que faltan", subliñou, nun audio enviado aos medios de comunicación no que explicou que o operativo terá que realizarse antes de outubro deste ano.