Burocracia, precariedade, inflación e outras trabas para a inserción social

2,8% das persoas beneficiarias da Risga están ocupadas mais precisan da axuda polas precarias condicións do emprego. (Foto: Nós Diario)

O custo da vida medra a un ritmo moi superior ao que o fan as contías dunhas prestacións sociais que, se ben chegan a cada vez máis xente, deixan fóra milleiros de persoas que afrontan situacións límite. A Galiza é o territorio do Estado con maior falta de cobertura á poboación máis vulnerábel: 52% dos fogares en situación de pobreza non recibe nin a Risga nin o IMV.

A pobreza segue a constituír un importante problema na Galiza aínda pendente de resolver. Segundo a Enquisa de Condicións de Vida publicada recentemente polo Instituto Nacional de Estatística, referido a 2021, un de cada cinco galegos e galegas (20,2%) está en situación de pobreza, e até 25,2%  da poboación conforma a taxa Arope —risco de pobreza e exclusión—, un valor superior ao rexistrado nos anos posteriores á recesión económica de 2008 e unha porcentaxe que a Rede Galega contra a Pobreza (EAPN Galiza) traduce en pouco menos de 700.000 persoas.

Delas, até 250.000 estarían en situación de pobreza severa. Porén, a meirande parte das persoas potencialmente beneficiarias non perciben subsidio social ningún. Segundo o último Informe sobre a aplicación da Lei de Inclusión Social da Galiza, difundido recentemente pola Xunta con datos a 31 de decembro de 2021, Galiza concedéranse entón 7.211 prestacións da Renda de Inclusión Social da Galiza (Risga), unha cifra que continúa en descenso debido á incompatibilidade co ingreso mínimo vital (IMV), se ben o número de solicitudes presentadas si se incrementou en varios centos a respecto do ano anterior.

Pola súa parte, segundo os datos máis recentes, outorgáronse unhas 28.000 peticións do IMV, polo que se estima que entre esta prestación e a Risga a cobertura achegaríase ás 70.000 persoas. "O IMV permite chegar hoxe a catro veces máis persoas que a Risga anteriormente, mais queda aínda moitísima xente con pobreza severa sen cubrir", expón a Nós Diario o director de EAPN Galiza, Xosé Cuns. Segundo un recente informe da Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (Airef), 52% dos fogares galegos vulnerábeis non recibe ningunha destas prestacións, sendo deste modo o territorio do Estado español cunha maior falta de cobertura. De feito, o Ministerio de Inclusión xa avanzou a súa intención de "buscar" potenciais persoas beneficiarias en lugares como comedores sociais a partir deste mes de setembro.

A excesiva burocracia na tramitación destas prestacións segue a ser un dos principais atrancos na concesión. De feito, ao remate de 2021 quedaran pendentes de resolver 1.592 solicitudes dun total de 6.938, isto é, 23% delas. "Se algo aprendemos da crise da Covid-19 é que, cando se quere, pódense facer as cousas sen unha gran burocratización, con medidas específicas como a Tarxeta Básica, que permitiu ás familias acceder dunha forma áxil a alimentos e bens básicos", di Cuns, que incide na necesidade de que a Xunta recupere esta axuda cancelada en xullo, se ben "ten que ser un medio, nunca un fin en si mesmo".

Esa será unha das demandas que EAPN Galiza trasladará ao Goberno galego no encontro que prevé manter nas próximas semanas, así como a demandada compatibilidade co IMV para "chegar onde esta axuda non chega" e reiterar o compromiso alcanzado, de cara á modificación da Lei de Inclusión Social, de axilizar os trámites e reducir —cando menos— á metade os prazos de resolución. Unha das demandas que a Rede si logrou facer efectiva, celebra, é a gratuidade das gardarías.

O impacto da inflación

Nun contexto no que unha inflación desbocada ascende por riba de 10%, estas prestacións fican insuficientes para moitas familias, pois o importe medio da Risga foi en 2021 de 435,21 euros mensuais por persoa beneficiaria, por volta duns 520 euros no caso do IMV. Aliás, o informe da Xunta mostra un dato rechamante: 2,8% das prestacións da Risga concédense a persoas que xa teñen un traballo.

"Pénsase que o emprego é a solución a todos os males, mais non é certo. Hai unha porcentaxe importante de perceptoras [das axudas] que queren traballar e non poden pola precariedade das condicións laborais ou por motivos de idade", sostén Cuns, en alusión a que máis de 61% das persoas beneficiarias da Risga ten máis de 45 anos, e até 39,3% do total, incluídas estas persoas, supera os 55. Os cursos de inserción laboral que se promoven desde as administracións semellan non ser, pois, a resposta ao problema: "Fai falta menos burocracia e facilitar unha formación oportuna para postos de traballo dignos e estábeis".

"Cústanos moito transmitir esta realidade, que o acceso á vivenda é unha auténtica emerxencia"

Porén, as dificultades para acceder á vivenda seguen a ser o principal reto, pois, insiste Xosé Cuns, "é imposíbel pensar en reducir de forma estábel e sistemática a pobreza na Galiza se non se avanza en políticas de vivenda pública de alugueiro social, en medidas de rehabilitación e illamento enerxético de edificios que cheguen aos fogares en pobreza severa…". "Cústanos moito transmitir á Xunta e a moitos concellos esta realidade que vemos no día a día, que o acceso á vivenda é unha auténtica emerxencia", conclúe.