Burla Verde, o encontro do asociacionismo e ecoloxismo galego que reivindica "unha transición enerxética real"

Presentación do programa do Encontro Burla Verde.
Sabucedo, na Estrada, acollerá o próximo 29 de abril un amplo programa de actividades que inclúe concertos, contacontos ou un "xantar de confraternidade".

A parroquia estradense de Sabucedo (comarca da Terra de Montes) é o lugar elixido para o Encontro Burla Verde, a iniciativa impulsada por máis de 50 colectivos —entre os que se atopan a Asociación da Rapa das Bestas de Sabucedo, SOS Suído Seixo, Colectivo do Vento, Asociación Veciñal e Sociocultural Ambiental Alarma na Terra de Montes e A de Rousmeri Caroi, Ecoloxistas en Acción, Adega Vigo ou Mina Touro-O Pino Non, así como diversas organizacións sociais, ambientalistas e en contra do actual desenvolvemento eólico— e que demanda unha "transición enerxética real".

"O que nos xunta é a vontade de coidar, conservar e defender a terra do afán ecocida das eléctricas e das mineiras. A responsabilidade como pobo de conservar a vida fronte a especulación mafiosa das multinacionais da devastación", sinalaron na presentación do certame, en marzo. Para Iván Sanmartín, da Rapa das Bestas, é "un orgullo" de todo o pobo de Sabucedo ser anfitrión desta primeira edición do evento.

O encontro decorrerá o vindeiro sábado 29 de abril na que será "unha xuntanza de convivio, loita e festexo". Entre as principais actividades destacan a mediodía a misa de romaxe para dar a benvida ás persoas asistentes antes de proceder á sesión vermú e o "xantar de confraternidade", no que se disporá de carpa con polbo e food trucks.

Xa pola tarde organizaranse diversas mesas redondas nas que se abordará, desde diversas perspectivas, a actual situación de "asoballamento das eólicas tanto no mar como na montaña", apuntan desde a organización, e equipárano ao desenvolvemento de proxectos mineiros. En paralelo haberá, ao longo da tarde, diferentes espectáculos para todas as idades e públicos, como exposicións fotográficas, concertos, teatro ou contacontos.

Finalmente, contra as 21 horas chegará o prato forte da xornada co Curro-Cabaré, que decorrerá no curro de Sabucedo con persoeiros salientábeis do ámbito cultural da Galiza. Xa confirmaron asistencia Mounqup, O Rabelo, Sonoro Maxin, García Mc, Toma de Terra, O Leo de Matamá, Maria Lado e Lucia Aldao, Guadi Galego, Xoan Curiel, Uxía Senlle, Xurxo Souto, Jasper, Isabel Risco, Noga, Aloumiños do Bosque, Peter Punk e Anxo Moure, Sole Felloza, Sheila Patricia, Susana S. Arins, Loita Amada (concerto en acústico), Rosa Cedrón, Celso F. Sanmartín, Cou, Davide Salvado, Gabi Reboredo, High Paw, Iria Pinheiro, Pajarito, Tarka, Tonita e Xan Solo.

A maiores, o próximo 8 de abril organizarase no marco do Encontro Burla Verde un torneo de fútbol no pavillón de Cerdedo, e o día 22 será a quenda da Gran Suba á Conla, coincidindo coa conmemoración do Día da Terra.