Incendio controlado

Tres buques calcinados nun incendio no estaleiro de Pontevedra

EI68tSYXsAABIZY

Un incendio estendeuse no estaleiro de Praceres, en Pontevedra, na madrugada do sábado nove de novembro. Foi controlado após calcinar tres buques que se atopaban dentro dunha nave industrial.

Pontevedra amencía co corpo de bombeiros tentando apagar o incendio no estaleiro de Praceres, situado en Pontevedra. O lume, xa controlado e do que se descoñecen as causas, arrasou cunha nave industrial con tres buques no seu interior.

A veciñanza alertou de madrugada os servizos de emerxencias, que empezaron a percibir as labaradas e explosións desde diversos puntos de Marín e Pontevedra.

O servizo de Gardacostas da Galiza activou o Plan de continxencias por contaminación mariña en fase de 'alerta' para evitar que restos do lume saísen a mar aberto. Salvamento Marítimo apoiou as tarefas de extinción con dous buques desde a auga.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, ficou pendente do incendio e en contacto permanente co operativo de emerxencia e a concelleira Eva Vilaverde desprazouse ao estaleiro onde estivo presente até que, sobre as 3.30 horas, se controlou o incendio.

O 112 Galiza sinala que non se produciron danos persoas e que o operativo mobilizou Bombeiros de Pontevedra, Garda Civil, Policía Nacional e Local e o persoal de Urxencias Sanitarias de Galiza. Solicitouse tamén a colaboración dos Bombeiros de Vigo, do Morrazo, Baixo Miño, Ribadumia e O Salnés, así como a dos membros de Protección Civil de Pontevedra, Poio e Cambados.