Pontevedra amencía co corpo de bombeiros tentando apagar o incendio no estaleiro de Praceres, situado en Pontevedra. O lume, xa controlado e do que se descoñecen as causas, arrasou cunha nave industrial con tres buques no seu interior.
A veciñanza alertou de madrugada os servizos de emerxencias, que empezaron a percibir as labaradas e explosións desde diversos puntos de Marín e Pontevedra.
O servizo de Gardacostas da Galiza activou o Plan de continxencias por contaminación mariña en fase de 'alerta' para evitar que restos do lume saísen a mar aberto. Salvamento Marítimo apoiou as tarefas de extinción con dous buques desde a auga.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, ficou pendente do incendio e en contacto permanente co operativo de emerxencia e a concelleira Eva Vilaverde desprazouse ao estaleiro onde estivo presente até que, sobre as 3.30 horas, se controlou o incendio.
O 112 Galiza sinala que non se produciron danos persoas e que o operativo mobilizou Bombeiros de Pontevedra, Garda Civil, Policía Nacional e Local e o persoal de Urxencias Sanitarias de Galiza. Solicitouse tamén a colaboración dos Bombeiros de Vigo, do Morrazo, Baixo Miño, Ribadumia e O Salnés, así como a dos membros de Protección Civil de Pontevedra, Poio e Cambados.