O buque que verteu 150 litros de fuel fronte a Ons retoma a marcha esta cuarta feira

Bolsas cos restos de chapapote achados na Illa de Arousa. (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press)
O 'WEC Vermeer' foi retido no porto de Vigo e obrigado a depositar unha garantía de 230.000 euros após o incidente.

A Capitanía de Vigo levantou esta cuarta feira todas as medidas de retención do buque portacontedores WEC Vermeer, logo de que o propio capitán do buque confirmase o pasado día 11 de decembro, cando se atopaba a unhas 5 millas náuticas da Illa de Ons, que tiña unha fuga interior producida nun tanque de combustíbel.

Segundo vén de informar a dirección xeral da Mariña Mercante, o buque cumpriu con todos os requirimentos exixidos, que consistiron no depósito dunha garantía de 230.000 euros para facer fronte a unha posíbel sanción administrativa e a limpeza e reparación da avaría detectada.

O portacontedores WEC Vermeer verteu a seis millas das Ons uns 150 litros de fuel o pasado día 11, segundo as estimacións declaradas polo propio mercante no marco do expediente que abriu Capitanía Marítima polo accidente.

O sinistro non transcendeu, porén, até a pasada terza feira debido á alerta xerada entre a poboación da Illa de Arousa coa chegada de 'galletas' de chapapote aos seus areais.

Ese mesmo día, Capitanía ordenou a súa retención no porto de Vigo, estabelecendo un acordo con medidas provisionais que o armador tivo que cumprir para poder retomar a marcha.

Unha vez verificado o seu cumprimento, o buque portacontedores poderá saír do porto de Vigo esta mesma cuarta feira, con dirección a Portugal, segundo as mesmas fontes.