O buque localizado polo 'Ártabro' en Terranova é o 'Vila de Pitanxo'

O 'Ártabro', buque de inspección do 'Vila de Pitanxo' (Foto: Javier Vázquez / Europa Press).
Tras esta confirmación, o seguinte labor do operativo despregado polo 'Ártabro' será a gravación do pecio.

O Rov submarino que descendeu este sábado para comprobar se a estrutura metálica localizada polo buque 'Ártabro', que se encarga da misión de procura, localización e inspección do pecio do 'Vila de Pitanxo', confirmou que se trata do pesqueiro galego que naufragou en febreiro de 2022 en augas de Terranova.

Tras esta confirmación, o seguinte labor do operativo despregado polo 'Ártabro' será a gravación do pecio para tratar de esclarecer que ocorreu o 15 de febreiro de 2022, cando o naufraxio do 'Pitanxo' acabou coa vida de 21 dos 24 mariñeiros a bordo.

A partir de aí, as familias dos falecidos trataron de pescudar que sucedeu, polo que sempre pediron que se baixe ao pecio para buscar probas.

Despois de que na sexta feira o 'Ártabro' localizase unha estrutura metálica na mesma zona na que se afundiu o 'Pitanxo', as familias mostrábanse "expectantes e esperanzadas" á espera de confirmar que, efectivamente, se trataba do pesqueiro galego.

Unha nova proba

Durante a instrución, o xuíz tomou declaración ao patrón do pesqueiro, Juan Padín, en calidade de imputado, ao seu sobriño Eduardo Rial e ao mariñeiro Samuel Kwesi, como testemuñas, ao ser os únicos sobreviventes do naufraxio.

A investigación xudicial débese a que Samuel Kwesi ofreceu unha versión que contradí a exposta por Padín e Rial, e que apuntaría a posíbeis neglixencias por parte destes que desencadearían na traxedia.

Tras tomarlles declaración, o maxistrado prohibiu saír do Estado español ao patrón do pesqueiro, retiroulle o pasaporte e impúxolle a medida cautelar de comparecer cada quince días en sede xudicial e estar localizado. Agora, a inspección do barco servirá de proba para o caso.