Bugallo recoñece “cargas policiais puntuais” para desaloxar un macrobotellón

Captura de pantalla dun dos vídeos que circulan polas redes.

A Policía desaloxou na madrugada da sexta feira en Santiago de Compostela un grupo de máis de 2.000 mozas e mozos, segundo os datos do Goberno municipal, que se reuniron no exterior dun local de lecer nocturno após o fechamento do mesmo. Na mañá da sexta feira, o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, recoñeceu que “dadas as queixas dos veciños” e "as negativas dos mozos a abandonar a zona", foron dispersados "con cargas policiais puntuais e dirixidas a grupos concretos".

O alcalde compostelán confirmou os feitos e defendeu a actuación policial durante a madrugada da sexta feira nos arredores da discoteca Ruta, na zona do Ensanche compostelán.

"Cando a Policía dá unhas instrucións e non son obedecidas, ten o dereito de defenderse e o deber de pór fin a unha situación de infracción que está a ocasionar molestias aos veciños da zona", asegurou Bugallo.

A partir das 3 horas, ao fechar a citada discoteca e ser desaloxado o local, grupos de mozos reuníronse na zona nun botellón. O rexedor matizou que non todos proviñan do interior da discoteca -"onde habería 200 ou 250 persoas"-, e que a multitude podía alcanzar as 2.000 persoas.

Non lle consta o uso de pelotas de goma

Bugallo recalcou que a Policía actuou após solicitar aos mozos que abandonaran a zona, algo que non ocorreu e que algúns grupos comezaron a lanzar obxectos -botellas, vasos e similares-, segundo o propio alcalde, aos axentes, "motivo que provocou a carga policial".

O rexedor asegurou que non lle consta que se disparasen pelotas de goma, como aseguran algúns dos participantes.

O alcalde informou ademais de que hai un axente policial ferido, aínda que "leve e dado de alta". Nos vídeos gravados por algúns dos mozos, publicados en redes sociais, pódese ver algún con feridas sanguentas na cabeza.

Bugallo aseverou que está "seguro" de que os axentes utilizaron "a forza necesaria e suficiente para conseguir o obxectivo de que se disolvese a concentración". Aínda non se coñece o balance de feridos entre os participantes na aglomeración.

"Non me gusta ver estas imaxes en Santiago pero con esas multitudes e a esas horas, que non son as máis claras do día, é difícil concretar as actuacións", salientou Bugallo, que insistiu en que comprende a "necesidade" dos mozos de socializar após 18 meses de pandemia, pero "unha concentración de 2.000 persoas, facendo ruído ás 3 da mañá, non está xustificada en ningún sitio".