A Policía local de Santiago dispersa con disparos ao aire un macrobotellón

Captura de pantalla dun dos vídeos que circulan polas redes (@Romariss).

Con “salvas ao aire” dispersou a Policía local de Compostela un macrobotellón no Ensanche da capital.

A Policía local de Compostela dispersou na madrugada da sexta feira con disparos ao aire centos de persoas no Ensanche, nos exteriores do pub Ruta, segundo confirmou o edil de Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños.

Fíxoo, segundo as súas palabras, após o lanzamento de obxectos contra efectivos da Policía Local, cando trataban de dispersar o macrobotellón tras o fechamento do local e logo de recibir protestas de veciñas e veciños.

En vídeos publicados en redes sociais como Instagram, mozas e mozos amosan os golpes recibidos por parte da Policía con porras.

Muíños cualificou de “lamentábel” o comportamento das e dos estudantes que se concentraban na rúa de madrugada e cifrou en “máis de 2.000” as persoas que permanecían no exterior do citado local de lecer nocturno.

A pasada quinta feira transcendeu a proposta da Xunta para acordar un novo protocolo para o lecer nocturno. Os pubs poderían abrir até as 4 horas da madrugada cunha ocupación máxima dun 75% en interiores.

Fican por fechar detalles como a obrigatoriedade de presentar o certificado de vacinación ou proba PCR ou de antíxenos negativa no nivel máis alto de restricións para acceder ao interior dos locais, unha medida para a que se precisa o aval do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG).

A apertura do ocio nocturno nas novas condicións prevese para o 1 de outubro, mais a necesidade de que o TSXG ampare o certificado Covid podería atrasar a entrada en vigor até mediados do mes.