Bueu, Cangas, Moaña e Vilaboa protestan contra os colapsos en Rande

[Imaxe: BNG de Moaña]

Convocadas e convocados polos respectivos alcaldes, veciñas e veciños do Morrazo concentráronse na mañá do domingo en Domaio (Moaña) para protestaren polos reiterados colapsos de tráfico que están a ter lugar acotío polas obras da Ponte de Rande.

Pasaban as 11.30h cando veciñas e veciños de Bueu, Cangas, Moaña e Vilaboa se congregaban no aparcadoiro situado ante a igrexa de Domaio para protestaren contra o “desprezo” do Ministerio de Fomento e contra os constantes colapsos de tráfico provocados polas obras da Ponte de Rande.

 

Participaron da mobilización a alcaldesa de Moaña, Ledicia Santos (BNG); o de Cangas, Xosé Manuel Pazos (EU-SON); o de Vilaboa, José Luis Poceiro (PSOE) e o concelleiro de Bueu Fidel Castro (BNG), quen denunciaron os prexuízos que “a nefasta xestión das obras de ampliación” de Rande están a provocar ás veciñas e veciños.

 

Entre as reclamacións a Fomento atópase a supresión da peaxe mentres duren as obras, pois o convenio permite o levantamento das peaxes polos incumprimentos da concesionaria. Aliás, os alcaldes e a alcaldesa criticaron a falta de explicacións de Fomento após a inauguración ficticia da ampliación da ponte e a consecuente suba da tarifa de peaxe.

 

Na mesma liña, Santos, Pazos, Poceiro e Castro instaron a Fomento a acabar coa discriminación da veciñanza do Morrazo, “obriga a circular en dirección a Vigo por un único carril” e a pedir desculpas polo trato dado a estes concellos afectados. Ademais, explicaron que no inicio o proxecto discriminaba a comarca, ao obrigala a transitar polos carrís exteriores, cuestión que se mudou logo da presión exercida polos concellos e polo tecido veciñal.

 

Após a inauguración das actuacións en Rande, os alcaldes tiveron coñecemento, a través dos medios de comunicación, de que as obras se retomaban. O 22 deses mesmo mes, os responsábeis das obras confirmábanlle ao Concello de Moaña que as obras non concluíran. A partir de entón, solicitaron unha reunión urxente con Fomento, que ía ter lugar a pasada sexta feira, día 18. Malia confirmar a súa asistencia, o Ministerio non enviou responsábel ningún á xuntanza.

 

A alcaldesa e os alcaldes advirten de que, en caso de non haber máis respostas, intensificarán as protestas.