O brote da Mariña alcanza os 119 casos positivos con 14 concellos en confinamento

A Garda Civil controla o tránsito de entrada a Galiza desde Asturias a través da Mariña. (EuropaPress)
A Mariña amenceu onte fechada após dúas semanas desde que se detectara o brote de coronavirus que suma xa 119 positivos máis de mil persoas confinadas en espera das probas e da evolución epidemiolóxica. Os concellos reclaman á Xunta que, ademais de ordenar as restricións, asuma as responsabilidades sanitarias.

Con 22 novos positivos contabilizados na xornada de onte e catro persoas hospitalizadas na comarca, o brote de coronavirus da Mariña alcanza as 119 persoas afectadas con 14 municipios do distrito sanitario fechados, espazos públicos precintados e críticas xeneralizadas á actuación da Xunta, que onte supeditaba a decisión de "manter, ampliar ou reducir" as medidas de control aplicadas desde a medianoite do domingo e durante cinco días á evolución da situación epidemiolóxica nese prazo.

Así o sinalaba o xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, quen cualificaba os cinco días de confinamento decretados pola Xunta nos concellos de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove como "un prazo razonábel para ver se teñen eficacia", se ben aludía ao seguimento "día a día" da situación para poder revisar estas medidas en caso de necesidade.

Se o responsábel sanitario xustificaba a tardanza na adopción de restricións aos datos epidemiolóxicos "do sábado e a mañá do domingo", o certo é que xa nas xornadas previas a velocidade de contaxios aumentara até os 12 novos casos por día e medraban as dúbidas sobre a orixe, que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, situaba en "dous ou tres bares" do porto de Burela despois de que o Goberno galego apuntase en días previos a un evento familiar en Xove.

Catro días despois, Fernández-Campa corrixía onte o presidente ao admitir que "é difícil coñecer con exactitude o motivo de calquera brote" e sinalar que unicamente hai indicios de que "provén dunha zona na que existen persoas que acceden de fóra, como visitantes ou que estiveron fóra da Galiza e poden telo". "As primeiras persoas que presentaron sintomatoloxía posibelmente non sexan a orixe do foco, senón que puido ser adquirido a través dun contacto relacionado", recoñecía. 

"Descontrolado"

A tardanza nas actuacións do Goberno galego, que agardou até a pasada sexta feira para a primeira comunicación oficial cos concellos afectados, unida ao "traslado de responsabilidades" que a Xunta carga sobre alcaldes e alcaldesas na orde pola que estabelece as medidas de choque perante o brote, aglutinan as queixas que onte chegaban desde varios dos municipios afectados, pero tamén desde a Deputación de Lugo ou a Fegamp

O seu presidente, o rexedor de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, cargaba contra esa derivación de responsabilidades para o exercicio da autoridade sanitaria, que lles encomenda a vixilancia, inspección e control das restricións, lembrando que a xestión da crise sanitaria recae, segundo a lei, na Dirección Xeral de Saúde e por tanto corresponde á Xunta coordinar, achegar medios e elaborar plans de actuación para facer fronte a situacións como a que se vive na Mariña. 

Na mesma liña, o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, exixía á Xunta "que asuma todas as competencias" en materia de sanidade e controle as medidas de illamento impostas na zona ante a "carencia de medios técnicos, humanos e económicos" dos concellos, e lembraba que foi o propio Feixoo quen, durante a xestión da pandemia, reclamou de forma reiterada a recuperación das competencias do Goberno galego. "Agora que as ten, nin comparece nin dá explicacións", censurou.

Desde a propia área afectada, o rexedor de Ribadeo, o nacionalista Fernando Suárez, tamén pediu respostas pola falta de explicacións do presidente galego, que "non nos advertiu desta situación un pouco descontrolada desde hai días" e censurou a delegación de responsabilidade que se está a facer sobre os entes municipais. Tamén os mandatarios de Foz e Burela –os socialistas Francisco Cajoto e Alfredo Llano– reprocharon que as medidas se enfoquen nas alcaldías e reclamaron liderado, coordinación e información diaria oficial dos contaxios por parte da Xunta, como Administración responsábel. 

Segundo manifestou o presidente da Deputación, a "indignación" pola posición da Xunta respecto aos concellos afecta "dez dos catorce alcaldes e alcaldesas" do distrito sanitario. 

As probas de selectividade terán lugar cun aumento das medidas de prevención

O IES Vilar Ponte afronta desde hoxe as probas de ABAU de 300 estudantes da comarca, que se realizarán neste contexto cun aumento das medidas de prevención estabelecidas para o resto da Galiza, para axustar o número de persoas por aula até aumentar a distancia interpersoal a dous metros e reforzar tamén o número de vogais para a vixilancia e o cumprimento de medidas de seguridade. As novas pautas inciden tamén no alumnado que finalmente terá que desprazarse a Viveiro.

Farao o de Mondoñedo, que tradicionalmente realiza as probas en Lugo, mentres que o de Ortigueira fará a proba no campus de Esteiro, en Ferrol. Tras coñecer as adaptacións aplicadas ás normas de seguridade, unicamente o sindicato UXT pediu a suspensión dos exames na Mariña.