A Pobra do Brollón abre as súas adegas centenarias na XXXII Feira do Viño de Vilachá
A parroquia de Vilachá de Salvadur na Pobra de Brollón (Terra de Lemos) acolle esta fin de semana, do 2 ao 4 de maio, a XXXII Feira do Viño de Vilachá.
Recuperado a subministración eléctrica logo da apagada desta segunda e terza feira, o alcalde, Xosé Luís Maceda, explicou a Nós Diario que o concello segue adiante cos preparativos dunha nova edición desta feira, na que agardan a asistencia de miles de persoas que durante tres días ateigarán unha ducias de adegas. Nesta edición está confirmada a participación de seis adegas profesionais e outros seis colleiteiros.
Ademais do bo viño da Ribeira Sacra, e a música dos cantos da taberna e os “pasadegas musicais” que acompañarán o evento este ano, destaca o rexedor a “moi boa fama” que ten o evento “porque á parte de bo viño e música temos como escenario un conxunto etnográfico único e singular en toda a Ribeira Sacra”. Desde a sexta feira ás 21 horas, as adegas estarán abertas “para beber e petiscar”, animadas tamén con música. Xa o sábado día 3, ás 13 horas no palco da festa haberá unha cata con Cristina Alcalá –divulgadora da cultura do viño– e Juanjo Figueroa –presidente da Asociación Galega de Sumilleres (Agasu)– baixo o título “Oralidade, pel e madeira. Percorrido polos viños de barrica de Vilachá”.
O domingo ás 13 horas, tamén no palco, o pregón deste ano correrá a cargo de Alcalá, e posteriormente porá a música á festa a Escola de Música Samoeiro. Ás 19 horas será a quenda dunha cata-concurso dos viños de furancho –os dos colleiteiros– cun premio do xurado e outro popular por votación das asistentes. Aínda que non hai estimación oficial, polas edicións anteriores, sinalan desde o concello que agardan máis de 1.000 asistentes cada un dos tres días da feira. Nas adegas participantes esperan servir arredor de 4.000 litros deste famoso viño da Ribeira Sacra.
Unha tradición centenaria
Trátase dun evento singular dentro da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, que usa como escenario o conxunto de adegas medievais da Abelaira, as máis antigas do Estado español, e que prima a tradición e a artesanía dos colleiteiros fronte ao carácter máis profesionalizado e comercial das adegas. O microclima, a calidade do chan e a orientación das vides fan da uva desta zona un produto de “calidade extraordinaria”, que xa ten dado “algún dos mellores tintos da Galiza”, segundo explica a Nós Diario Xosé Luís Maceda.
Na Feira do Viño de Vilachá comparten protagonismo “a etnografía, a paisaxe e a tradición”, afirma o rexedor. A veciñanza da zona gábase de chegar xa á 32 edición dun evento “diferente” ao resto de feiras dos viños da Ribeira Sacra. “Nós somos os pequenos” dentro da viticultura da zona, “mantemos a tradicional fronte á comercial”, explica o alcalde, e o resultado é “un viño elaborado de xeito máis artesanal e extraordinario, feito por colleiteiros” e fóra do circuíto de comercialización.
Afrontar o abandono de viñas no rural
A Pobra do Brollón está a consolidar nos últimos anos un circuíto de colleiteiros para os seus caldos baseado na filosofía dos furanchos. De feito, nesta edición da feira haberá unha cata-concurso cun xurado especializado e outro popular para premiar os mellores.
O presidente da Asociación Galega de Sumilleres (Agasu), Juanjo Figueroa, explica a Nós Diario que os da zona son “viños de moitísima calidade” e enxalza a figura dos colleiteiros de Vilachá como contrapunto entre os viños comercializados na zona para a Denominación de Orixe Ribeira Sacra e “os viños quilómetro cero”, algo que considera “a cultura que hai na Galiza de facer viño para a casa e que en ningún caso son inimigos das denominacións de orixe”.
Sinala Figueroa tamén “a importancia desta figura dos colleiteiros na Galiza” porque está a producirse “un problema grave co abandono do rural, xa que parte dese abandono supón abandonar tamén viñas e parcelas vitivinícolas con variedades autóctonas que se están perdendo”. Neste senso, a importancia dos colleiteiros no Brollón está a ser aproveitada para pór en marcha iniciativas que poñan en valor a tradición da zona.