1.600 hectáreas calcinadas na Ribeira Sacra

Sen medios para sufocar o maior lume do ano: brigadistas demandan máis persoal fixo e medidas de prevención

As lapas provocaron problemas de circulación nas estradas, e un veciño da Pobra do Brollón foi evacuado. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
Ribas de Sil foi o epicentro entre o domingo e a terza feira do maior incendio do país no que vai de ano. Os bombeiros forestais demandan máis persoal fixo e afondar nos labores de prevención.

Ardeu o monte no corazón da Ribeira Sacra, ás dúas beiras do río Sil. Un incendio declarado na noite do pasado domingo na parroquia de Nogueira (Ribas de Sil) arrasou máis de 140 hectáreas.

Pouco tempo despois, contra as 12.47 horas da segunda feira, na parroquia homónima de Ribas de Sil principiou un novo lume que, avivado por unhas condicións meteorolóxicas adversas —temperaturas por riba dos 30 graos centígrados, humidade moi baixa e refachos de vento de até 30 quilómetros por hora—, se estendeu moi cedo aos concellos veciños da Pobra do Brollón e Quiroga.

A falta de control levou a Consellaría do Medio Rural a activar o nivel 2 de alerta —nunha escala ascendente de 1 a 5— pola proximidade das lapas ás vivendas da parroquia de Rairos, tamén en Ribas de Sil. Porén, fontes da Xunta da Galiza aseguraron que ningunha persoa estivo en perigo, mais si varias casas.

Non houbo vítimas mortais, mais si cortes nas estradas e incomunicación

Tamén provocou problemas de circulación nas estradas N-120, LU-P-933 e LU-P-5031 ao seu paso polas localidades afectadas, e un veciño da parroquia de Salcedo (A Pobra do Brollón) tivo que ser evacuado do seu domicilio. Aliás, moitos puntos dos concellos afectados quedaron sen liña de teléfono nin conexión a internet. O fume foi visíbel desde a cidade de Lugo, a máis de 80 quilómetros de distancia dos focos activos.

"A noite [desta terza feira] foi intranquila porque as e os veciños pensaban que xa marcharan os medios de extinción, mais estaban no alto da serra. O lume estivo pegado ás casas e nalgún sitio houbo que apagalo con mangueiras das vivendas. Houbo preocupación, sobre todo no núcleo do Barreiro [na parroquia de Nogueira], por un incendio que se avivou mais finalmente non se propagou", sinalou o alcalde de Ribas de Sil, Miguel Ángel Soutela.

Para sufocar o incendio, o Goberno galego mobilizou oito técnicos, 18 axentes, 64 brigadas, 24 motobombas, cinco pas, oito avións e 14 helicópteros. Con todo, a Xunta viuse obrigada a solicitar a intervención da Unidade Militar de Emerxencias (UME), que acudiu ao lugar con outros 137 efectivos e 56 vehículos de extinción.

Non se produciu ningunha vítima mortal por mor destes incendios. De feito, segundo informou a brigada forestal de Laza —dependente do Goberno estatal—, durante a noite o labor máis importante foi asegurar as vidas humanas "vila por vila" e "salvar as casas", nun momento no que o lume estaba "totalmente descontrolado".

Contra as 16.30 horas desta terza feira, Medio Rural anunciou que o lume fora finalmente estabilizado. A superficie calcinada, segundo as primeiras estimacións do Goberno galego, rolda as 1.600 hectáreas, polo que se converte no maior incendio de 2021.

Os incendios foron "intencionados"

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, salientou nesta terza feira a "intencionalidade" deste lume: "Todo acredita que a pasada noite do domingo, unha vez que os nosos medios xa non poden voar, houbo un foco que posteriormente se ampliou con dous focos máis [a centos de metros de distancia]. E esta adoita ser a pauta habitual dos incendiarios", dixo, en declaracións aos medios.

"Pido un mínimo de moral e de ética ás persoas que cren que un lume non é máis que un problema forestal. É un atentado medioambiental, mais tamén pode provocar a morte de persoas inocentes", engadiu.

Ao mesmo tempo, xustificou as dificultades para sufocar o lume aludindo á "complexa" orografía da Ribeira Sacra: "É unha zona escarpada, de difícil acceso, e hai que levar as lapas ao río para que morran alí e logo traballar nas partes altas da montaña".

Falta persoal para "coidar o monte todo o ano"

"Non podemos, en ningún caso, cantar vitoria, porque estamos nun mes moi complexo como setembro. E se non hai precipitacións, outubro tamén podería complicarse", advertiu o presidente galego, que na terza feira confiara a extinción do lume na Ribeira Sacra a unha eventual mellora da climatoloxía, como foi o caso.

Ignacio Salcedo, secretario xeral da Asociación Profesional de Bombeiros e Bombeiras Forestais da Galiza (Apropiga), alerta en conversa con Nós Diario da falta de medios para sufocar os incendios: "Non é unha cuestión de falta de persoal, senón do tempo de traballo. Vemos como cada ano se veñen producindo máis lumes en setembro e outubro, e o problema é que o Servizo de Prevención de Incendios Forestais (SPIF) ten persoal contratado por seis, nove e doce meses. Normalmente collen as vacacións en outubro, e temos moitos menos operativos para traballar cos incendios".

Brigadistas urxen reforzar o servizo con máis profesionais con contrato fixo

Se os contratos durasen todo o ano, afirma, "as vacacións estarían máis repartidas e non concentradas ao final dese período de seis ou nove meses", polo que habería "máis traballadores dispoñíbeis".

Salcedo constata a "mudanza da estacionalidade" por mor do cambio climático: "Antes a época crítica eran os tres meses do verán, mais agora estase a abrir o abano e temos vagas de lumes moi importantes en abril e maio, e especialmente en setembro e outubro, cando a vexetación está máis seca, entran fortes refachos de vento e temperaturas moi elevadas que provocan estes incendios tardíos", explica.

Nesta cuestión afonda o secretario técnico da Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega), Fins Eirexas: "Os lumes hoxe son diferentes, desestacionalizáronse e poden xurdir en calquera momento do ano, e xa o vimos na vaga de lumes de 2017, ás portas do inverno. Aquilo supuxo un cambio de paradigma", sostén.

De feito, unha recente investigación coordinada polo experto en edafoloxía e química agrícola Francisco Díaz-Fierros conclúe que a día de hoxe danse "unhas condicións moito máis graves na ignición e propagación do lume", cunha intensidade que "fai imposíbel a súa detención".

"Os lumes apáganse no inverno"

O custo da extinción de incendios forestais na Galiza superou en 2020 os 61,5 millóns de euros, isto é, perto de 4.100 euros por cada hectárea calcinada. Aliás, segundo as estimacións do Ministerio para a Transición Ecolóxica, o investimento por hectárea rolda os 300 euros anuais en materia de restauración durante o decenio seguinte á declaración dun lume, polo que os incendios do pasado suporían en 2031 un custo de 151 millóns de euros.

Díaz-Fierros tamén apunta que, se ben os labores de extinción "melloraron moito" nos últimos anos, no que atinxe á prevención dos lumes "tense progresado moi pouco".

"Os incendios apáganse no inverno, non no verán. Precisamos unha prevención real e efectiva, con xente coidando o monte todo o ano para que estea preparado se hai un lume e as lapas non se nos vaian das mans. E así llo temos trasladado á Consellaría", expón Ignacio Salcedo.

Critican a "falta de medidas de prevención" de lumes

Pola súa banda, Fins Eirexas lamenta que "as políticas públicas contra os incendios non mudaron nos últimos 20 anos, e ano tras ano a natureza pon en evidencia a súa caducidade". "A política de Feixoo consiste en ficar inmóbil e logo invocar a choiva cando o lume se expande", engade.

O secretario técnico de Adega critica que o Goberno galego actúe "por intereses propios" no tocante á ordenación do territorio: "O PP sempre defendeu un modelo baseado na eucaliptización dos montes, deixando a Ence milleiros de hectáreas dispoñíbeis para o seu propio beneficio".

De feito, o alcalde de Ribas de Sil afirmou na terza feira que a parroquia de Vilariño non sufrira os devastadores efectos dos lumes que si afectaron Rairos ou Nogueira pola "maior seguridade" que ofrecen os "diversos castaños que arrodean o núcleo".

"Núñez Feixoo prefire que arda o monte e despois culpar o Ministerio ou quen toque, porque todos os anos cae nos mesmos erros e non é algo casual. Sempre fala da importancia de dinamizar o rural, mais o que pretende é que a xente marche das aldeas e non haxa futuro, para deixar os terreos a un prezo barato ás empresas con intereses na Galiza", censura Eirexas.

A este respecto, fai alusión ao "efecto colateral" sobre a prevención de incendios da "política enerxética e industrial", así como á "falta de iniciativas para fixar poboación" nos concellos rurais. "O inzamento de parques eólicos, a ocupación do territorio por parte de empresas foráneas, o abandono do rural... Todo conta, e explica por que se repiten ano tras ano estes incendios devastadores na Galiza", sentencia.

Aliás, cuestiona que o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais da Galiza (Pladiga), aprobado recentemente, "fale moito da extinción e moi pouco dos labores de prevención".

122 hectáreas queimadas en Chandrexa de Queixa

A apenas 20 quilómetros do lugar, na parroquia de Requeixo (Chandrexa de Queixa) os servizos de extinción da Xunta sufocaron nesta terza feira ao mediodía un lume que permanecía activo desde as 11.38 horas da segunda feira e queimou arredor de 122 hectáreas de terreo. Para este dispositivo mobilizáronse un técnico, once axentes, 31 brigadas, 18 motobombas, dúas pas, un helicóptero e dous avións.

Así as cousas, tamén no mediodía da segunda feira foi declarado un incendio na parroquia de Éntoma, no Barco de Valdeorras, que tampouco se atopa xa activo, mais aínda non hai datos sobre a superficie afectada.