As brigadas logran controlar a maioría dos lumes na Galiza e só tres continúan avanzando

Vista do fume do incendio xurdido en Cualedro. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
A Xunta destaca a "clara intencionalidade" destes incendios. De feito, imputouse a un home de 79 anos como presunto autor dun fogo o pasado día 12 de setembro no concello de Laza.

No sur da Galiza aínda quedan 14 lumes por apagar, máis só tres deles continúan activos e sen control gracias ao traballo dos equipos técnicos, as brigadas e a flota de hidroavións. Ademais, hai seis fogos estabilizados, que en total levan arrasadas 2.141 hectáreas forestais, e outros cinco controlados, con algo máis de 2.000 hectáreas de monte danadas.

As tres frontes que continúan avanzando abranguen arredor de 2.330 hectáreas. En concreto trátase dos lumes da zona do Río Caldo, en Lobios, que xa leva arrasadas unhas 2.000 hectáreas do Parque Natural Baixa Limia - Serra do Xurés; o de Prado de Limia en Muíños, con 30 hectáreas calcinadas, e o do lugar de Sabariz, en Rairiz de Veiga, que queimou unhas 300 hectáreas desde o domingo.

O último parte feito público pola Consellaría de Medio Rural esta mañá, recalca que o de Muíños é un lume transfronteirizo posto que chegou desde Portugal.

Por outra parte, os brigaditas foron quen de estabilizar as lapas en Sabuguido, Vilariño de Conso, sobre as 21.35 horas desta cuarta feira. O lume levaba pasado por 700 hectáreas de monte. Tamén onte, ás 21.50 horas, púxose control ao de Montederramo tras afectar a 30 hectáreas. 

Un imputado e investigacións abertas

Onte facíase pública a detención do presunto incendiario implicado en sucesos en Boiro e Lousame e as e os detidos por este tipo de delitos ascendían a 47 no que vai de ano, mais a cifra xa subiu noutra persoa.

Hoxe trascendeu que a Garda Civil de Verín estivo tomando declaración a un home de 79 anos residente en Ourense, de iniciais A. T. R., como investigado pola súa posíbel implicación no inicio dun incendio en Laza. As dilixencias foron enviadas ao Xulgado de Instrucción 1 de Verín.

Neste suceso en concreto víronse afectadas 49 hectáreas de monte raso e foron necesarios seis axentes forestais, 18 brigados, catro motombombas e dous avións de carga en terra, entre outros medios materiais e humanos, para apagalo.

É só un dos exemplos da teoría da Consellaría de Medio Rural, que a última hora desta cuarta feira insistía en que os lumes de Manzaneda en Cernado e Paradela e como se orixinaron "evidencia a clara intencionalidade".

Malia que o lumes están estabilizados danaron 400 hectáreas. Ademáis, tamén están estábeis os da Mezquita (450 hectáreas) e Chandrexa de Queixa (500 hectáreas).

Máis controlados

Por outra banda, o informe da Xunta fala de cinco lumes totalmente controlados despois de queimar un global de 2.140 hectáreas.

Así, segundo a Xunta, onte á noite púxoselles coto aos dos fogos de Cualedro (1.300 hectáreas); ao de Vilar de Barrio (700 hectáreas) e Muíños (11 hectáreas, mais integradas na Serra do Xurés. Na mesma situación está o de Pena Petada, en Trives, após calcinar 50 hectáreas de terreos forestais.

O que xa está extinguido é o de Vilardevós, que queimou case 300 hectáreas na parroquia de Vilar de Cervo.