Unha acción denuncia perante a sede da patronal o “branquexado” de Sogama: “Nada que celebrar”

(Arxina)

Adega desenvolveu unha acción de denuncia sobre as “mentiras” da Xunta sobre este proxecto.

Desmontar o discurso oficial sobre Sogama, esa era a finalidade das activistas que na mañá desta quinta feira se concentraron nas portas da Confederación de Empresarios da Galiza (CEG), que acollía unhas xornadas sobre este modelo organizadas pola Asociación profesional de empresas medioambientais. Convocaba Adega e estaban presentes plataformas como a contraria á mina de Touro ou de Casalonga. No acto tamén houbo recollida de sinaturas para a protección das lagoas en Casalonga.

As ambientalistas denunciaron os intentos do que consideran que é “branquear” Sogama. Lembran que Galiza está no furgón de cola da reciclaxe de residuos (10% fronte ao 50% que pide a UE para 2020) e que o modelo actual está esgotado.

Demandan outra xestión, que pase por apostas como a coñecida como ‘porta a porta’ ou a compostaxe (sinalan que a metade dos residuos que xeramos son orgánicos).

O catedrático en enxeñería química, profesor na Universidade da Coruña e ex presidente de Adega, Manuel Soto, analizaba recentemente para Nós Diario o plan inicial de Sogama: "Ao comezo, obrigábase aos Concellos que se adherisen ao servizo a comprometer unha cantidade mínima de residuos que non podían reducir", explica a Nós Diario, "tanto esta medida, como a centralización dos residuos e a incineración dos mesmos amosan até que punto Sogama estaba lonxe dunha xestión de residuos respectuosa co medio".

Soto engade que, após as reservas iniciais dos municipios, moitos decidiron adherirse aos servizos de Sogama. Isto derivou na construción de plantas de transferencia polo territorio galego deseñadas para reconducir o lixo dos municipios. Nelas, 37 en total, trasládanse os refugallos desde os camións municipais de recollida do lixo a outros contedores aptos para o transporte a longa distancia.