Botan ao río Sil 2 vagóns do tren que descarrilou en Valdeorras

(Foto: Valdeorras de cerca)
A Xunta e Adif anunciaron que investigarán os feitos.

Adif botou ao río Sil 2 dos 10 vagóns do tren de mercancías que a pasada semana descarrilou en Sobradelo, en Carballedo de Valdeorras, e que non puideron ser retirados pola “complexidade” das operacións, segundo apuntan medios da zona como ‘Valdeorras de cerca’.

A Confederación Hidrográfica abre unha investigación sobre os feitos, que tamén indignaron o ecoloxismo e que xa provocaron que o BNG anunciase que ía presentar unha pregunta sobre este suceso no Congreso. O deputado nacionalista Néstor Rego rexistrou unha iniciativa parlamentar no Congreso a través da que pide a retirada inmediata destes para proceder a "reparar o dano ambiental causado". Ademais, pide que se lle comuniquen os feitos á Fiscalía.

De por parte, o PSdeG esixiu a Adif que retire de forma inmediata o vagón caído ao río e proceda á restitución dos danos ambientais causados.

Ademais, Galicia en Común informou de que se puxo en contacto con Adif e co Ministerio de Transportes para pedirlles explicacións en relación aos vagóns envorcados ao río e asegurou que se manterán "vixiantes" para que a empresa pública cumpra os "compromisos adquiridos", que pasan por investigar o ocorrido

A Xunta informa que se dirixiu esta mañá a Adif para pedirlle explicacións pola caída dos vagóns do tren de mercadorías ao río Sil. Xunto con isto, a Consellería de Medio Ambiente abriu unha investigación sobre a caída ao río Sil dos vagóns do tren descarrilado.