Adega insta a Fiscalía a investigar a ADIF por presunto delito ambiental por tirar dous vagóns de tren ao río Sil

Vén de instar o Ministerio Fiscal a que abra unha investigación contra a entidade pública empresarial ADIF por presunto delito contra os recursos naturais e o medio ambiente.

A asociación solicita á Fiscalía de Medio Ambiente que determine se existe delito ambiental nos feitos transcorridos o pasado día 2 de agosto, cando dous dos vagóns do tren de mercadorías que descarrilou o pasado 28 de xullo na liña Monforte-Ponferrada, á altura de Sobradelo (Carballeda de Valdeorras), foron botados ao río Sil.

“Os feitos denunciados contraveñen todo marco normativo vixente en materia ambiental, de residuos, ou de planificación hidrolóxica e de protección de augas, pois o depósito de refugallos sobre os leitos fluviais, a contaminación dos ríos ou actuacións que impliquen a súa degradación están totalmente prohibidas”.

Alén diso, indica Adega, “calquera actuación en dominio público hidráulico debe contar con autorización previa do organismo de bacía e doutros organismos con competencias no espazo, especialmente, tratándose de actuacións de elevado risco para a seguridade das persoas e do medio ambiente ou con impactos potencialmente graves sobre os ecosistemas acuáticos e fluviais. Porén, semella que a empresa pública se saltou todo marco regulador e procedemento administrativo legal para proceder “polas bravas”, de xeito improvisado e sen medir as consecuencias sobre a contorna”.

Alén poderíamos estar, prosegue, ante unha infracción moi grave contra o dominio público hidráulico feita á mantenta ou sabendo que esta podería causar graves prexuízos sobre o curso fluvial e a súa ribeira, o cal podería ser constitutivo de delito.