Os bosques máis descoñecidos da Galiza están baixo o mar, son únicos e precisan protección

Un bosque de laminarias (Foto: Carlos Suárez)
O IEO lidera unha iniciativa para implicar á sociedade no estudo e conservación dos bosques de laminarias, que forman ecosistemas moi produtivos e de alto valor ecolóxico

No litoral da Galiza e algunhas zonas do mar Cantábrico sobreviven algúns dos últimos bosques mariños da Península Ibérica. Atópanse formados por grandes algas laminariais coñecidas como kelps ou quelpos, que consisten en varias especies de algas pardas de gran tamaño, que poden chegar a vivir máis de 10 anos e que forman espesas formacións.

Os bosques de quelpos equivalen aos bosques terrestres e forman ecosistemas moi produtivos e de alto valor ecolóxico. Son o hábitat de multitude de especies de flora e fauna mariña, e serven como alimento, substrato, protección e zona de reprodución e  alevíns de moitas especies, incluídas moitas de interese pesqueiro.

Proporcionan moitos servizos ecosistémicos beneficiosos para o medio mariño e para o home, protexendo a costa ao controlar o efecto da ondada e actuar como arrecifes naturais protectores das praias.

Con todo, nas últimas décadas estas algas sufriron unha regresión e desaparición ao longo do litoral ibérico debido a diferentes factores  bióticos, oceanográficos e polo efecto do cambio climático. A súa desaparición provoca modificacións dos hábitats mariños e unha mingua preocupante da biodiversidade mariña.

Científicos de diferentes institucións están a realizar un esforzo para ampliar o coñecemento, coñecer as causas de regresión e determinar as posibles solucións para mitigar este retroceso.

Nestes estudos tomou gran importancia a colaboración cidadá, que permite ter ollos en moitas zonas da costa e obter información da abundancia e cambios na distribución das  laminariais.

Para recompilar o máximo de información científica sobre estes bosques mariños, formouse unha alianza de proxectos, nos que investigadoras do IEO, a Universidade da Coruña e a Universidade Rey Juan Carlos lanzaron o programa #BosquesMarinos2030 co que pretenden impulsar a colaboración de submarinistas, mariñeiros e calquera persoa interesada no medio mariño que poida dar información sobre a localización e estado destas especies.

O proxecto  Diversimar, liderado por Eva Velasco e Julio  Valeiras do IEO, está baseado nunha web desenvolvida polo Centro de Supercomputación de Galiza (CESGA) que inclúe un catálogo de especies de fauna e flora e mapas interactivos.

Un dos obxectivos é desenvolver un programa participativo de ciencia cidadá que posibilita que calquera persoa interesada poida enviar as súas fotos e achados para que formen parte da gran base de datos e aparezan referenciados no visor de mapas. Calquera persoa pode enviar fotos e datos dos bosques de  laminarias a través da páxina www.diversimar.es mediante un formulario web.