domingo 19/09/21

Palabras con memoria: desde o mar vén todo

Ventos fortes na praia de Pantín, Valdoviño (Foto: Elisa Piñón / Europa Press)
Ventos fortes na praia de Pantín, Valdoviño (Foto: Elisa Piñón / Europa Press)

abalar.- (Ademais de significados xa rexistrados) Esconderse unha presa do seu perseguidor.

Exemplo.- “O marisco abalou e non se colle unha centola.”

Lugar de escoita.- O Morrazo.

Fonte.- Emma Pazos Abalde.

Outros apuntamentos.- Grupo Maré do Morrazo, formado por Salvador Castro Otero, Lucía Durán Paredes, Xosé Manuel González Barreiro, Henrique Harguindey Banet, Xosé Martínez García, Ramón Rocamonde Gómez e María Emma Tilves Pazos.

carriolo.- (Ademais de significados xa rexistrados) Alga da familia das laminarias.

Exemplo.- “Enmallouse o carriolo todo no aparello e agora hai que limpalo.”

Lugar de escoita.- O Morrazo.

Fonte.- Amable Guimeráns Mariño.

Outros apuntamentos.- Grupo Maré do Morrazo, formado por Salvador Castro Otero, Lucía Durán Paredes, Xosé Manuel González Barreiro, Henrique Harguindey Banet, Xosé Martínez García, Ramón Rocamonde Gómez e María Emma Tilves Pazos.

gateña.- (Ademais de significados xa rexistrados) Rapa de percebeiro.

Exemplo.- “Esa é a gateña que utiliza para arrancar os percebes.”

Lugar de escoita.- O Morrazo.

Fonte.- Manuel Martínez Rial.

Outros apuntamentos.- Úsase na Illa de Ons. Pronúnciase con gheada. Grupo Maré do Morrazo, formado por Salvador Castro Otero, Lucía Durán Paredes, Xosé Manuel González Barreiro, Henrique Harguindey Banet, Xosé Martínez García, Ramón Rocamonde Gómez e María Emma Tilves Pazos.

ghaloi.- Onda do mar.

Lugar de escoita.- Corme.

Fonte.- Vocabulario cormelán.

Outros apuntamentos.- Asociación Veciñal de Corme.

gobeiro.- Desnivel abrupto na area dunha praia.

Exemplo.- “Coidado, que hai gobeiros na praia e podes perder cala.”

Lugar de escoita.- O Morrazo.

Fonte.- Manuel Aldao.

Outros apuntamentos.- Pronúnciase con gheada. Grupo Maré do Morrazo, formado por Salvador Castro Otero, Lucía Durán Paredes, Xosé Manuel González Barreiro, Henrique Harguindey Banet, Xosé Martínez García, Ramón Rocamonde Gómez e María Emma Tilves Pazos.

toas (andar ás).- (Ademais de significados xa rexistrados) Andar pola ribeira apañando todos os obxectos útiles que trae o mar, froito dun naufraxio ou dunha caída accidental dun barco.

Exemplo.- "Hoxe foiche ás toas, que como houbo temporal estes días, pode aparecer algo."

Lugar de escoita.- Burela (Mariña luguesa).

Fonte.- Mario Ferreira López.

comentarios