Borrasca Jana: activada a alerta laranxa por temporal costeiro durante a fin de semana no litoral atlántico
A borrasca Jana, a primeira de grande impacto neste mes de marzo, xa se fai sentir na Galiza. Estenderase até a vindeira terza feira e deixará ventos fortes e precipitacións durante toda a fin de semana. Segundo informa Meteogalicia, ademias dos refachos e da chuvia, espéranse acumulacións importantes de neve a partir dos 1.200 metros e mala mar. As temperaturas irán en descenso.
A Xunta da Galiza activou a alerta laranxa por temporal costeiro no litoral atlántico tendo en conta que, segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso empezará na tarde deste sábado na zona noroeste, para estenderse na madrugada do día 9 cara ao suroeste por vento de forza oito e mar combinada con ondas de até seis metros.
08/03 08:30 #AEMET actualiza #FMA en Galicia. Activos HOY y MAÑANA. Nivel máx naranja. Imagen del mapa de avisos en vigor a las 08:30 . Para ver una tabla de avisos actualizada haga CLIC EN LA IMAGEN o visite https://t.co/Mw1O1wz2vE https://t.co/JpRmw9KGE3
— AEMET_Galicia (@AEMET_Galicia) March 8, 2025
Cancélase a actividade federada no mar
Ante iso, conforme informou a Xunta nun comunicado, a Secretaría xeral para ou Deporte suspende a actividade deportiva federada no mar en diversas áreas da Coruña e de Pontevedra por mor da alerta laranxa por fenómeno costeiro, segundo as previsións dos órganos de predición. A limitación rexerá a partir das 16 horas no oeste e suroeste da Coruña, así como nas Rías Baixas e Miño, en Pontevedra.
A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións. Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.
Co fin de garantir a seguridade dos bens e das persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, da Consellaría de Presidencia, Xustiza e Deportes, informou da situación a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galiza aos concellos afectados, deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.